Importantísima victoria a domicilio do As Pontes tras dous empates consecutivos en casa, que o sitúan na quinta posición con 8 puntos, empatado con Boiro, Cerceda e Arousa e con tan so o Deportivo B por diante con 9 puntos. E o que é máis importante, o principal obxectivo, acadar a permanencia outro ano, un pouco máis preto.
Cando un vai a Cangas atópase un lugar paradisíaco, e máis saíndo de Vigo, podese facer fotos cos grandes, Cal, Perucho, Portela, Germade … Pero con respecto ó fútbol un sae bastante disgustado do Campo do Morrazo, se hai apenas un ano e medio o As Pontes estivo a piques de descender por mor dun penalti imaxinario, entre outras cousas, onte foi vitima dunha arbitraxe cuestionable, anque o fútbol, por veces, acaba facendo xustiza.
O As Pontes contaba coas baixas de Pablo, Arias, Dani e Esmorís. Comezou dominando o equipo da casa, un balón chegou dende a dereita estando en posición franca Denis, pero este non a esperaba e manda por alto (5´), respondeu Amado un minuto despois.
A ocasión máis clara desta primeira metade foi tras un bo pase de Chicho a Amado, que este encara, regatea ó porteiro, remata e saca un defensa baixo paus (23´), o posterior rexeite tampouco o pode aproveitar o media punta ferrolán.
Bossa probou os puños de Martín na cuarta falta que tirou (30´), se ben pouco puido facer o viveirense pois sempre tiña a barreira moi preto.
Nunha gran xogada entre Iván González e Pablo Domínguez este centra e Amado sen pensalo remata a rentes do pau (33´). Outro tiro de Chicho por riba da escadra (38´) precedeu ó descanso.
No comezo do segundo tempo avisou Denis cun disparo que marchou lamendo o pau (48´), pero foi tres minutos máis tarde nunha lección maxistral de Bossa cun pase en profundidade a Amado, que o dianteiro naronés controla, avanza e cruza ante a saída de Martín facendo o 0-1 (51´).
Pero ahí apareceu a figura do colexiado, que semellaba por momentos verse presionado polas continuas protestas e reclamacións do público local, asi, no 61´, tras caer un dianteiro visitante expulsou con vermello directo a Aitor entendendo que derrubou ó xogador local cando marchaba hacia portería, creemos que lle deu ó balón e o xogador ía máis hacia córner que hacia porta, pero expulsión ó fin e o cabo e a xogar con 10 outra semana máis.
No 67´ o colexiado nin sinala falta dun defensa pontés, nin sinala unha clara falta posterior a Hugo na sua cesión a Kiko na mesma xogada, o balón queda morto, sen porteiro, e salva Rochela baixo paus a disparo de Denis.
Non se amilanou o As Pontes e tras recibir Fidi de Amado un pouco escorado á esquerda marcou maxistralemnte de tiro cruzado entrando o balón a media altura, rubricando un gran partido o herdeiro de Bossa, o seu paisano que chegou do Celta B con apenas 20 anos.
Pero foi a tarde dos xogadores de Viveiro, pois tras un leve roce de Santi cun xogador local dentro da área o colexiado sinalou penalti. Kiko estivo bravo e atallou o disparo de Mauro, e no posterior rexeite o xogador mandou o balón fora (74´).
No 78´, o colexiado, a instancias do xuíz de liña expulsou a Iván González, xa foi raro que escoitara algo pois o público local non parou de protestar en todo o partido. Reclamaba o banquiño pontés un posible penalti sobre Santi.
Ocasión de Amado no 79´, e no 83´ tras un córner que pasa por toda a defensa azul, Andrés remata sen esperala a bocaxarro por alto en posición inmellorable.
Xa no desconto desmarcouse Santi e a piques estivo de marcar pero o porteiro salvou coa manopla cando xa se colaba (94´).
Tres puntos vitais para un As Pontes que a vindeira fin de semana recibe a un Bouzas quinto pola cola con 4 puntos, partido clave para dar un paso adiante a pesar das ausencias de Aitor e Iván, pero co regreso de Sergio Arias. Nas vindeiras semanas enfrontarase a Deportivo B, un reforzado Barbadás, e ó Pontevedra, asi que unha victoria ante os vigueses semella crucial.
Por outra parte comezou a Liga Galega Xuvenil, con empate do As Pontes en Lugo ante a Milagrosa (1-1), a Liga Comarcal Feminina, con victoria do As Pontes 2-5 ante o Narón BP, e a Copa Infantil con triunfo dos azuis 0-10 ante a Cultural Maniños.
Alondras CF. Martín, Nano (Mauro 55´), Castilla, Vitra, Javi, Casas, Iago, Denis (Abraham 70´), Andrés, Mota, Campo (Serxio 65´).
CD As Pontes. Kiko Rochela, Nano, Chote, Aitor, Fidi (Santi 70´), Iván González (Hugo Filgueiras 63´), Bossa, David Amado (Alex Cabarcos 87´), Chicho, Pablo Domínguez.
Goles: 0-1, David Amado, minuto 51. 0-2, Fidi, minuto 68.
Campo e incidencias: Campo do Morrazo. Uns 350 espectadores en tarde moi calurosa e soleada. Partido correspodente á cuarta xornada de Liga.
Árbitro: Daniel Arias Penas (Vigo). Auxiliado nas bandas por Álvarez Domínguez e Penedo Portela. Amonestou a Javi, Denis, Mota, Rochela, Chote, Bossa e Chicho. Expulsou con vermello directo a Aitor (61´) e Iván González (74´).
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.