O As Pontes colócase líder da Terceira División logo da súa vitoria sobre o Deportivo B en partido disputado na tarde deste domingo 9 de febreiro moi chuvioso, con moito frío e por veces con vento e no que os xogadores tiveron que facer auténticas filigranas para sacar o balón adiante, xa que era a única alternativa que quedaba neste encontro que se disputou nun campo en pésimas condicións debido ás chuvias caídas nos últimos días e na medida que transcorrían os minutos foise convertendo en impracticable.
O resultado pódese considerar xusto a tenor do xogo e das ocasións de cada equipo ó longo dos noventa minutos. O As Pontes puido encarrilar ben o partido nada máis comezar en ocasións de Esmorís (min. 3) e David Amado, quen nun man a man envía o esférico ó peito do porteiro Felipe, cando se atopaba nunha boa ocasión. Mellor a tivo este mesmo xogador no minuto 40 cando envía un forte disparo que rexeita o meta coruñés, quen estivo moi acertado nestas intervencións. Pouco a pouco os coruñeses desfixéronse do dominio local, pero sen crear perigo na porta de Kiko, chegándose ó descanso co empate inicial.
No segundo tempo o control do partido seguiu sendo do As Pontes, que tivo as mellores oportunidades nas botas de Pablo Domínguez (m. 12), Chicho, minuto 64, quen mandou un balón rozando o poste da portería visitante. Tres minutos despois o dianteiro pontés enviou un forte disparo que rexeitou in extremis o porteiro fabrilista Felipe. Aitor, no minuto 68, mandou o balón á cruceta; e dous minutos despois, minuto 70, chegou o tanto dos ponteses por mediación de Jorge Nano, quen mandou o balón ó fondo da portería despois dun saque de esquina de Bossa. A partir de aí o Fabril intentou igualar o encontro e a piques estivo de marcar Nierga, pero o seu lanzamento chocou co porteiro Kiko. Sergio Arias tivo outra boa oportunidade, pero o encontro rematou coa mínima e xusta vitoria do As Pontes, que o coloca na primeira posición da clasificación e con claras opcións de disputar a promoción de ascenso á Segunda División B.
C.D. AS PONTES: Kiko, Rochela, Nano, Aitor, Esmorís (Chote, 63), David Amado (Álex Cabarcos, 89), Bossa, Sergio Arias, Chicho (Iván, 68) Pablo Domínguez.
R.C.D DEPORTIVO B: Felipe, Callón, Uxío, Sidibe, Aarón, Queijeiro, Cañi, Bicho, Dani Iglesias (Marc Nierga, 65), Romay e Mujan (Miguel Cardoso, 76).
ÁRBITRO: Javier Pérez Prado, asistido de Tania Fente e Iván Montero, da delegación de Lugo. Tarxetas amarelas ós locais Dani, Bossa e Chicho e ó visitante Sidibe.
GOL: Minuto 70 (1-0), Jorge Nano.
CAMPO E INCIDENCIAS: Partido da vixésimo quinta xornada de liga de Terceira División disputado no campo do Poboado que rexistrou unha entrada duns 150 espectadores nunha tarde moi fría, con chuvia ó longo de todo o partido e por veces con fortes rachas de vento. Terreo de xogo en moi malas condicións para a práctica do fútbol.
Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF