Traballada vitoria do Esteo na primeira xornada de liga da Terceira División, antes Primeira Nacional B, diante do Concello de Trabada, ó que gañou por tres goles a un. Ó descanso o marcador rexistraba empate a ceros. A pesar da excelente climatoloxía, o pavillón municipal da Fraga rexistrou unha boa entrada de afeccionados, uns douscentos.
Custoulle ó Esteo acadar os tres puntos na primeira xornada de liga perante o Concello de Trabada, equipo que conta cun bo plantel que dará moito que falar ó longo do campionato. A primeira metade foi de dominio local cunha boa defensa e creando ocasións de gol que non souberon aproveitar os de Diego Paz. O Trabada tamén contou con algunha ocasión, pero o marcador non se movería nos primeiros vinte minutos. Ós dous minutos do segundo tempo os locais logran o primeiro tanto por mediación de Rubi logo dun saque de esquina. Os ponteses quixeron rematar o partido e ían por bo camiño despois do gol de Noé a pase de Rubi, pero a súa relaxación foi aproveitada polo Trabada, que puxo en apuros a portería de Ito. Nun saque de esquina os lugueses poñen un inquietante 2-1 no marcador e aínda quedaban sete minutos para o final. A falta de catro minutos os visitantes sacan porteiro-xogador co obxectivo de igualar o partido. Os dous equipos tiveron ocasións para marcar que desbarataron os dous porteiros. Quedando nove segundos para o remate Gerardo, á contra, establece o definitivo resultado a prol do Esteo perante un bo Concello de Trabada.
O ESTEO FS: Ito, Fran, Gerardo, Noé, Rubi cinco inicial- Pelu, Pellón, Santi, Gerveno e Diego.
CONCELLO TRABADA: Javi, Adrián, Antón, Bruno, Vijander cinco inicial- Borja, Xoel, Mario, Quelle e Víctor.
ÁRBITROS: José Mª Martín Vez e Rubén Pena Pereira, de Ferrol. Amoestaron con amarela a Diego e Borja.
GOLES: Min. 22 (1-0), Rubi. Min. 29 (2-0), Noé. Min. 33 (2-1), Víctor. Min. 40 (3-1), Gerardo.
Nova cortesía de A.F.