Cada vez que no Esteo se organiza un evento no club, derrota segura. Pasou en Vilalba hai unhas xornadas e sucedeu este sábado en Burela. Á marxe desta anécdota, o conxunto pontés non estivo nada fino no encontro que o enfrontaba ó Burela B, equipo moito máis enchufado e que acabou goleando ós ponteses nun encontro con xogo igualado, sobre todo na primeira metade con ocasións para os dous equipos. Sen embargo, tan só un tanto subiría ó marcador. Foi a falta de vinte segundos para o descanso nun barullo na área pontesa que aproveitou Bruno para marcar. Nestes vinte segundos terían os ponteses dúas claras ocasións para lograr algún gol. Na segunda parte o Esteo saíu a por todas e meteu ó Burela na súa parcela creando moitas oportunidades para anotar, pero as intervencións do meta Brais desbarataron todo intento. Ós dez minutos, unha perda de balón serve ó cadro lugués para marcar o segundo tanto e posteriormente o terceiro, os dous por obra de Fabio. Este marcador adverso complicaba as cousas para o Esteo, que se ve obrigado a sacar porteiro-xogador, momento no que consegue o único tanto do partido por mediación de Héctor. Xa no minuto final o Burela establece o definitivo 4-1 con gol de Diego.
Pese á derrota, a terceira do campionato, os ponteses seguen na primeira posición cunha cómoda vantaxe de nove puntos sobre os inmediatos perseguidores, Xove, Pazos de Borbén e 5-Coruña. Na vindeira xornada o Esteo recibe no pavillón da Fraga ó Cidade de Viveiro.
FICHA DO PARTIDO
BURELA B: Brais, Diego, Bruno, Carlos, Fabio cinco inicial- Andrés, Eloy, Antón e Helder.
O ESTEO FS: Choto, Pellón, Gerardo, Fran, Rubi cinco inicial- Bolly, Pelu e Héctor.
ÁRBITROS: Saa Mateo e Franco Veiga (Lugo). Amoestaron con tarxeta amarela a Carlos e Pellón.
GOLES: Min. 20 (1-0), Bruno. Min. 30 (2-0), Fabio. Min. 36 (3-0), Fabio. Min. 39 (3-1), Héctor. Min. 40 (4-1), Diego.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á décimo novena xornada de liga da Terceira División disputado este sábado no polideportivo de Vista Alegre, de Burela, que rexistrou unha entrada duns cen espectadores.
Nova cortesía de A.F.