Un concurso fotográfico afonda sobre o reparto das tarefas no fogar

[Diario de Ferrol] O departamento de Servizos Sociais do Concello de As Pontes, e o Centro de Información á Muller (CIM) están a centrar o seu traballo, con motivo do Día Internacional da Muller, na comunidade escolar. Así, ás actividades incluídas no programa “A muller nas escolas” sumarase unha nova iniciativa. Trátase do primeiro concurso de fotografía “Na casa, tamén somos iguais”, un certame dirixido ao alumnado de Secundaria e Bacharelato de As Pontes mediante o que se pretenden fomentar valores como a igualdade, a tolerancia e a non discriminación para lograr, nun futuro non moi lonxano, unha sociedade igualitaria, explican desde o Concello.


A principal fin desta convocatoria é estudar a imaxe e concepto que teñen os máis novos, que formarán a sociedade do mañá, do reparto de tarefas no fogar, un campo que sempre estivo ligado á muller, tal e como poñen de manifesto desde o consistorio pontés.
O prazo para entregar os traballos finaliza o día 30 de abril. Cada un dos participantes poderá presentar, no rexistro xeral do Concello, ata cinco instantáneas. En canto aos requisitos do certame, establécese que as fotografías deberán estar en formato dixital, ben en color ou en branco e negro e cun tamaño mínimo de 18×24 e máximo de 30×40 centímetros. Asemade, deben ser fotos orixinais e inéditas, tal e como se indicou desde a organización. Por outra banda, xunto co CD coas fotos hai que entregar un sobre pechado que conteña o nome, apelidos, enderezo e teléfono de contacto e fotocopia de identidade do autor. Unha cámara e un marco dixital son algúns dos premios para os gañadores.

También podría gustarte
Comentarios