Un Fendetestas valente non puido co poderío anotador do líder Lalín

Diario de Ferrol. O Fendetestas pontés non foi rival para o líder, e o Lalín venceu con rotundidade por 51puntos a 8. O curioso é que o partido foi moito máis equilibrado do que di o marcador, pero os pontevedreses demostraron unha eficacia da que só poden gabarse os grandes equipos. A diferencia de ritmo foi moi grande, e os locais saíron moi “enchufados”, acadando dous ensaios moi axiña. A partir de aí, limitáronse a frear as embestidas dos dianteiros ponteses, que abusaron desa sorte do xogo. Os de Lalín foron moi prácticos, e gardaban ben cada balón obtido, con moitas variantes no seu xogo do paquete, para alonxar sempre o perigo do seu terreo cada vez que os de Ferrolterra se aproximaban. Para esta fin valéronse do acerto do seu apertura no xogo ó pé. E o despregue á man reservárono sempre para os últimos metros, cando xa tiñan creado os ocos.


Co marcador xa moi claro para os do Deza na primeira parte, con 24 puntos no seu haber, na segunda víronse solprendidos por un maior empurre pontés. O Fendetestas tiña que arriscar e comezou a desgastar á dianteira rival, que se tivo que empregar a fondo para frear as acometidas dos visitantes. Esta boa actitude non se traduciría en puntos porque se cometeron moitos erros nos pases á man, o que deu a opción ós da casa a contraatacar, e aí xa foron letais sumando un importante número de puntos. A falla de definición do Fendetestas nos últimos metros fixo que o seu dominio territorial non se plasmase no tanteador, e o Lalín aumentou a vantaxe diante dun cadro que se volcaba tanto no ataque que se desordeou en defensa.
Nesta situación, os de Ferrolterra foron valentes ó xogar decididamente na busca do ensaio, renunciando a varios golpes de castigo bastante centrados que lle terían suposto sumar algúns puntos máis. Non embargante buscou os cinco do ensaio na procura cando menos do “bonus”. Finalmente, unha xogada de Rafa que terminou baixo os paos locais e unha transformación de golpe de castigo a cargo de Kiko foron pouco premio para un grupo pontés que mereceu máis, se ben está moi lonxe, coma o resto de rivais da categoría, dun Lalín que debe levarse comodamente esta liga. Tamén é certo que os das Pontes acusaron as baixas de cinco dos seus titulares, e que durante o encontro perderon tamén a Mariño por lesión. Xogaron de inicio no Fendetestas Sergio, Moncho, Paco, Gallardo, Rayito, Rafa, Moeche, Barbas, Kiko, Flecha, Rob, Antón, Álvaro, Huesi e Mariño.

También podría gustarte
Comentarios