«As viaxes ata Lesneven, na Bretaña, sempre son unha experiencia»

Antón Ferreiro cede o testemuño tras un cuarto de século presidindo a Irmandade As Pontes-Lesneven

Cede o testemuño tras un cuarto de século presidindo a Irmandade As Pontes-Lesneven, pero Antón Ferreiro seguirá vinculado a ela como vogal. «Agardo que se continúe coa labor que se leva feito, veñen con gañas e ilusión, así que sei que tratarán de facer moi ben as cousas», di ao referirse ao novo equipo dirixido por Sara Ramos. 

¿Que desencadeou esa ligazón que dura xa máis de dúas décadas? 

 -En España, a diferenza doutros países europeos, estas iniciativas eran unha gran novidade. No noso caso, foi porque había dúas mozas que estaban de profesoras no interior de Francia, unha era de Lesneven e outra de As Pontes. Os franceses querían establecer ese vínculo cun pobo do sur de Europa, a ser posible celta. A mestra pontesa Mari Carmen Tembrás propúxoo e aceptaron. No verán do 91 xa se fixeron os primeiros actos oficiais. 

¿Como foi a resposta da sociedade pontesa neses inicios? 

-Comezamos cunha campaña de socios que suscitou moito interese. Tamén por parte dalgúns colexios como o desaparecido Pardo Bazán e o Santa María. Eles mesmos fixeron intercambios con centros escolares de alí, pero acabaron deixándoo aos tres anos. Chegamos a ter uns 80 socios, aínda que esa cantidade amplíase a máis dun cento porque os nosos asociados poden ser individuais ou de carácter familiar. Neste momento temos uns 70 que non é unha mala cifra. E seguimos pagando o mesmo, 9 ou 18, segundo sexa un só ou de toda a familia. Só cambiamos de pesetas a euros. 

Terá anécdotas e lembranzas para escribir un libro. 

-Foron moitos momentos alegres. Acabamos establecendo lazos familiares como, por exemplo, co caso dunha moza de Lesneven que casou cun rapaz de As Pontes. Agora viven en Cabanas e teñen dous fillos. E un profesor coruñés que viaxou con nós acabou sendo padriño dun neno bretón. Ademais, pasaron moitas anécdotas curiosas. Unha foi nunha das nosas viaxes, a finais dos 90. Sempre facemos parada nun hotel da fronteira e un rapaz esqueceuse alí a súa ortodoncia. Cando estábamos pasando o río Bidasoa acordouse dela. Neses tempos non había móbiles, tivemos que parar nunha cabina, chegou ata a Xendarmería e os do hotel mandáronnos nun taxi a ortodoncia. 

¿Como son esas viaxes? 

-Viaxamos en anos alternos. Un verán veñen eles e outro nós. Pode participar todo o mundo, de feito, xa veu xente de Ferrol, Lugo ou Ourense. Imos a casas particulares para facilitar as relacións e aprender o idioma. As viaxes ata alí sempre son unha experiencia. 

Con Lesneven, ¿hai parecidos? 

-É unha vila pequena, ten uns 7.500 habitantes e un centro histórico. É unha referencia en canto aos servizos nunha zona agrícola e ten un colexio con 1.800 alumnos e uns 200 profesores. Dos máis importantes da zona da Bretaña.

Fonte La Voz de Galicia

También podría gustarte
Comentarios