Amigus
As Pontes

VILA CON ENERXÍA, POBOADO SEN ALUMEADO

Instalacións solares, parques eólicos, centrais hidraúlicas, ciclos combinados, central térmica, …; os máis de 2000 MW do maior centro produtor de enerxía eléctrica de España non parecen ser suficientes. Ou polo menos ¡so é o que dín un grupo de veciños do poboado das Veigas que, dende fai varios días, non teñen alumeado polas noites. Tan só a parte máis próxima á igrexa da Nosa Señora da Luz dispón do servicio, de seguro que por mediación divina.
O poboado -como se lle coñecede nas Pontes- parece estar en terra de ninguén, xa que nin o seu propietario, a empresa eléctrica Endesa, nin o Concello son quen de dar solucións aos problemas que padecen, dende fai anos, os veciños da zona, que, en pouco tempo, pasou de ser a referencia residencial con todos os servicios, a ser a parte máis esquecida, desatendida e descontrolada.
Para o grupo de veciños que manifestan o seu malestar, o feito de que a maioría dos cargos directivos da empresa, ou cando menos os que teñen poder de decisión, vivan fóra de As Pontes é a causa do abandono e da falta de interés por parte de Endesa, que ano a ano vai reducindo gastos e pechando servicios, peches que empezaron polo colexio e chegaron á igrexa ou á piscina, pasando, tamén, pola non celebración das festas.
Pero tamén o Concello é responsable da situación, segundo o grupo de veciños, xa que entenden que ao vivir en As Pontes deben ter os mesmos dereitos que o resto de veciños, non só as mesmas obrigas, sobre de todo as económicas. Para os veciños, é difícil entender que o Concello organice, fai uns meses, xunto co Colexio de Arquitectos, unhas xornadas para destacar a importancia do poboado, sobre de todo no ámbito patrimonial, e programe ata películas con debates, e non sexa quen de esixir a Endesa a solución a un problema tan puntual.
No caso do Concello, o grupo de veciños apunta directamente ao Alcalde; a finais do ano pasado saía nos periódicos decindo que negociaba coa empresa para que todo os veciños disfrutaran dos servicios do poboado (biblioteca, cine, campos de deportes, …), e resulta que o que pasou foi que pechou a piscina. Afirman, tamén, que o Alcalde engañounos cando foron as eleccións, xa que comprometeuse a que estarían presentes e tomarían parte nas negociacións coa empresa para a cesión ao Concello, e ata hoxe nada de nada.
Precisamente o tema da negociación é, para os veciños, a causa dos seus problemas: o Alcalde e a empresa levan anos negociando, non se sabe o que, e, entre tanto, os seus problemas -de servicios, urbanísticos, … , en definitiva, de calidade de vida- non só non se resolven, mais ben aumentan. Recordan que no ano 2008, nun convenio entre o Concello e a empresa para a depuradora, xa había un proxecto para mellorar as infraestrutras nas Veigas, cun presuposto duns 4M€, actuacións que para os veciños son necesarias e obrigatorias, pero que aínda hoxe, despois de cinco anos, non están feitas.
O grupo de veciños asegura estar cansados e fartos de ser a moeda de cambio e non estar representados por ninguén, polo que non descartan levar adiante calquera medida, incluso no ámbito das denuncias diante dos organismos competentes, contra a empresa e contra o Concello, no caso de non ter resposta inmediata ás súas necesidades.


Firmado por veciños do Poboado As Veigas

También podría gustarte
Comentarios