VINTECINCO ANOS DO TRIUNFO DO AS PONTES NO TROFEO CONCEPCIÓN ARENAL

Prestixioso torneo que gañaron, entre outros, Real Madrid, Barcelona, Ajax ou Oporto.

Este domingo día 27 de Agosto cumpriranse vintecinco anos da conquista por parte do por entón Endesa de As Pontes do prestixioso Torneo Concepción Arenal, tras vencer 3-1 na quenda de penaltis ó Racing de Ferrol, tralo empate a 2-2 no tempo regulamentario.

O As Pontes fora convidado a este torneo, que actualmente se disputa a partido único co equipo locatario, pola sensacional campaña feita uns meses antes que acabara coa disputa da fase de ascenso a Segunda División.

No partido, adiantou Michel ós locais aos dez minutos, e marcharon con ventaxa ó descanso a pesar dun disparo ó longueiro de Nando (28´), e boas ocasións de Pradera (1´), e do gran futbolista viveirense Kiko Rey (13´) e (25´), que chegara a xogar en Primeira División.

No segundo tempo, tras dúas ocasións consecutivas, de Kiko (55´), e de Salido (56´), o futbolista con máis campañas no As Pontes, quince, dous goles consecutivos do recén ingresado canteirán Óscar Ferreiro no (68´) e (71´) poñían por diante ó Endesa, pero Mario establecía o 2-2 definitivo (78´) co que concluíu o partido.

Nos penaltis, polo equipo pontés anotaron Nando, Sevilla e Emilio, parando Luis César o tiro de Buyo. Miguel converteuse en heroe, xa que detivo os lanzamentos de Caneda e Agulló, e ademais Emiliano lanzou ó poste. O único penalti anotado polos verdes foi a cargo de Alberto.

Adestraba ó conxunto departamental Fernando Vázquez, e no once inicial dos ferroláns había xogadores famosos coma o porteiro Luis César Sampedro, recoñecido adestrador hoxe en día, Juanito, aínda en activo, ou o goleador Pazolo.

Pola súa banda, Jose López aliñara naquel partido a Miguel, Ramón, Jorge (Sevilla 45´), Salido, Carlos (Emilio 45´), Quique, Buyo, Nando, Juan Luis, Pradera (Óscar 60´), e Kiko Rey.

No palmarés deste prestixioso torneo figuran Campións de Europa coma o Real Madrid, que o venceu en dúas ocasións, e FC Barcelona, Ajax de Amsterdam, Oporto e Aston Villa, que o fixeron en unha edición.

Tamén, equipos que militaron nalgún momento na Primeira División, coma Real Betis e Sporting de Gijón, que triunfaron por dúas veces, e levantaron unha vez o trofeo Athletic de Bilbao, Valencia, Real Sociedad, Las Palmas, Real Zaragoza, Real Valladolid, Real Murcia, Elche, Recreativo de Huelva, Salamanca e Compostela.

Completan o cadro de honra, conxuntos de categoría coma o Lugo, Ponferradina, Río Ave portugués, e o Palestino chileno. Os eq uipos que gañaron en máis edicións foron o Deportivo da Coruña, que venceu en dezaseis ocasións, seguido do locatario Racing de Ferrol, que ten oito trofeos, mentres o Celta de Vigo logrouno en seis edicións.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios