Amigus
As Pontes

AS PONTES SÚMASE Á REDE LABORAL XIANA MEDIANTE UN CURSO DE ATENCIÓN SOCIO-SANITARIA A DOMICILIO

aspontes.com. O Concello das Pontes vai participar no proxecto Rede Xiana, unha iniciativa de formación e acceso ao mercado laboral impulsada pola Deputación Provincial da Coruña. A través deste proxecto, que ten como obxectivo fomentar o emprego mellorando a formación e a capacitación profesional, ao noso municipio correspóndelle a participación nun curso de atención socio-sanitaria a domicilio, para o que hoxe mesmo se abre o prazo de inscrición. Así as cousas, as persoas desempregadas menores de 25 anos ou maiores de 45, mulleres de todas as idades, parados de longa duración e persoas en risco de exclusión social, poden tomar parte nesta actividade formativa. Pero antes deberán pasarse polo Concello para cumprimentar a correspondente folla de inscrición, no Servizo de Orientación Laboral e tendo de prazo ata o vindeiro 22 de Maio.


Este curso de atención socio-sanitaria a domicilio é un dos 76 que se van impartir en toda a provincia a través da Rede Xiana, e que beneficiarán a un total de 1140 persoas desempregadas. Para o reparto de actividades formativas, a Deputación da Coruña dividiu aos Concellos da provincia en trece áreas de actuación, e As Pontes está encadrada na zona 3 xunto cos Concellos de Capela, Cabanas, Monfero, Pontedeume e Vilarmaior. Ademais, a institución provincial acordou que neste 2.009 o municipio da Capela sexa sede do curso, para o que se esixe, como requisitos, estar empadroado nalgún dos Concellos da comarca e ser demandante de emprego coa tarxeta actualizada. Canto á selección dos participantes do curso, será a propia deputación a través dun axente de inserción laboral a que se encargue do proceso de admisión.
A Rede Xiana ten como obxectivos xerais a dinamización da base económica do medio rural, fomentando a aparición de actividades profesionais competitivas e multifuncionais; mellorar o nivel dos servizos de proximidade da poboación rural, elevando o benestar e garantindo a igualdade de oportunidades especialmente para as persoas de maior vulnerabilidade ou en risco de exclusión social e executar accións locais coherentes coas iniciadas desde outros niveis administrativos procurando establecer sinerxias entre os instrumentos de políticas públicas das distintas administracións.

También podría gustarte
Comentarios