Amigus
As Pontes

Fernando Branco Parga: Empobrecer a comarca, empobrecer o país

[La Voz de Galicia] Os fundamentos do Real Decreto que prima o consumo do carbón estatal e forza a parar as centrais de Meirama e As Pontes, son fáciles de explicar: non é preciso procurar razóns técnicas, nin económicas nin medioambientais. O Goberno do Estado decide modificar, vía decreto, o funcionamento do sector eléctrico pola presión política de varias comunidades autónomas con minaría de carbón que teñen un problema de produción pois, polo seu alto prezo, non se chega a consumir. As consecuencias no noso país son evidentes, logo de ter empregado durante ducias de anos cantidades inxentes de carbón galego (o lignito pardo), para o desenvolvemento económico do Estado, no que como beneficio para Galiza só quedaba o traballo que xeraba esta actividade; agora, unha vez transformadas as centrais galegas, pola súa condición de costeiras, para o consumo de carbón importado, veñen a quitarnos o único beneficio que tiñamos: o traballo. Por desgraza, na comarca de Ferrolterra e no país, hai máis exemplos de decisións políticas que limitan ou impiden a nosa capacidade para producir; e o mecanismo dos que xustifican estas agresións é sempre o mesmo. Nun primeiro momento son cómplices ou comprensivos coas medidas do Goberno do Estado e, logo, propoñen que se aproben compensacións, do estilo de pantasmais plans de reindustrialización. Nunha palabra, concretan en tempo real a destrución de emprego e deixan para un futuro prometedor -que nunca chega- a diversificación industrial; mais ¿cómo se compensa que non nos deixen producir e traballar no noso país? Neste tráxico teatro, onde os partidos políticos estatais votan unha cousa en Galiza e outra totalmente diferente en Madrid e na que determinados sindicatos, aínda hoxe, seguen apoiando a aprobación deste Real Decreto; asistimos a unha dramática perda de poboación e á saída cara á emigración dunha mocidade que fica sen oportunidades de traballo na terra.


Pasado o tempo crítico deste problema -ou na próxima cita electoral- volveremos a recibir as visitas -desembarcos- de ministros/as, conselleiros/as, etcétera, e máis unha vez, haberá quen lles renda pleitesia na busca dunha esmola. Mais non imos enganarnos, non hai compensación posíbel, a aplicación deste Real Decreto significará o empobrecemento xeral da comarca e do país, mesmo das persoas que non dependen para nada do sector eléctrico. Todas e todos somos afectados.
Por iso, as persoas que temos confianza plena nas capacidades do noso País, estamos obrigados a reaxir e dar unha resposta contundente a esta agresión ao noso tecido produtivo; e debemos facelo por cuestións perentorias e inmediatas, como é o emprego, mais tamén pola nosa dignidade como pobo galego. Xa se levaron o noso carbón, e agora trátase xustamente de que non leven o noso traballo.

También podría gustarte
Comentarios