Amigus
As Pontes

As torres desapareceron. A súa historia, nunca o fará

Hoxe As Pontes viviu un deses días que quedarán para sempre gravados na memoria dos seus veciños.

As torres de refrixeración da central térmica xa forman parte do pasado. En apenas uns segundos desapareceu un dos símbolos máis recoñecibles do noso pobo, un icono que durante décadas presidiu a nosa paisaxe e acompañou a vida de varias xeracións.

Pero hoxe non caeron só unhas estruturas de formigón. Para moit@s veciñ@s foi moito máis ca iso. Entre quen presenciou a súa demolición había persoas que participaron na súa construción, que dedicaron boa parte da súa vida profesional á central e que fixeron de Endesa o motor económico que impulsou o crecemento das Pontes. Para elas, ver caer as torres significou pechar unha etapa importante das súas vidas. Non faltaron as bágoas, porque con elas tamén se derrubaba unha parte da súa propia historia.

Grazas ao desenvolvemento industrial que trouxo a central, As Pontes transformouse. Medraron as empresas, os comercios e as oportunidades. Milleiros de familias atoparon nela un futuro e un medio de vida que marcou o rumbo do municipio durante décadas.

Os máis novos quizais non chegamos a coñecer os anos de maior esplendor da central, pero si medramos mirando esas torres cada día. Eran a nosa referencia ao volver á casa, unha parte inseparable do horizonte e da paisaxe que sempre identificamos coas Pontes. Custaba imaxinar o pobo sen elas.

O progreso e o paso do tempo son inevitables, pero iso non impide recoñecer a importancia do que hoxe desaparece. As torres xa non están, máis permanecerán na memoria colectiva dun pobo que medrou á súa sombra e que nunca esquecerá o que representaron.

Hoxe non despedimos unicamente catro torres de refrixeración. Despedimos unha parte da historia das Pontes.

Grazas a todas as persoas que, co seu traballo e esforzo, fixeron posible aquela etapa que cambiou para sempre o noso concello. O seu legado seguirá vivo moito despois de que o po de hoxe remate de pousarse.

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados, pero trackbacks Y pingbacks están abiertos.