Amigus
As Pontes

A Xunta publica no DOG a convocatoria do Programa Reacciona para impulsar a mellora da competitividade das Pemes galegas

O Diario Oficial de Galicia informa das bases que regulan esta primeira convocatoria da nova edición, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 16 de setembro. Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como obxectivo potenciar as competencias e habilidades do capital humano das empresas para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar unha nova edición do programa ReAcciona, deseñado para reforzar a competitividade das pemes facilitando a implantación de proxectos de mellora adaptados ás súas necesidades. A primeira convocatoria da nova edición, segundo as bases que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), está aberta á presentación de solicitudes ata o próximo 16 de setembro e permitirá impulsar un milleiro de proxectos de mellora competitiva en máis de 600 empresas.

O programa ReAcciona ten como obxectivo prioritario a potenciación das competencias e habilidades do capital humano das empresas, para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente. Neste contexto, a profesionalización das pemes, e especialmente das de menor tamaño, é fundamental para que poidan medrar, consolidar a súa competitividade e internacionalizarse.

A experiencia acumulada durante as anteriores edicións do ReAcciona serviu para mellorar o propio programa, reforzando a colaboración entre todos os axentes implicados no proceso, por unha banda, e promovendo a posta en marcha de accións de mellora temperá asociadas de xeito automático aos análises de potencial competitivo que se realicen. A finalidade do ReAcciona é achegar diagnósticos de competitividade e servizos avanzados de mellora para que as empresas localicen e superen as súas debilidades nos diferentes ámbitos de xestión.

De acordo coas bases de axuda que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, o programa está de novo aberto para recibir, a través da web do Igape –www.igape.es/reacciona–, solicitudes das empresas interesadas, que recibirán resposta case inmediata á súa demanda de servizos avanzados. As empresas disporán de sucesivas convocatorias, en outubro e novembro deste ano, e en xaneiro de 2017, para presentar a súa solicitude.

O programa ReAcciona pon a disposición das pequenas e medianas empresas servizos para facilitar a execución de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o desenvolvemento estratéxico integral, a redefinición do modelo de negocio, a optimización de procesos de produción e cadea loxística, o relanzamento comercial, os protocolos de sucesión na empresa familiar ou a identificación de aliados e redes de cooperación.

O desenvolvemento de cada un dos proxectos de mellora conta co asesoramento de expertos e a colaboración activa de bolseiros que teñen así a oportunidade de tomar un primeiro contacto co mundo laboral mentres se especializan en diferentes ámbitos da xestión empresarial.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios