O BNG denuncia o incumprimento do Plan Miner II para As Pontes

[Diario de Ferrol] O deputado do BNG e voceiro de Industria e Traballo desta formación, Fernando Blanco Parga, vén de presentar unha pregunta na que denuncia o bloqueo do Plan Miner II para as comarcas mineiras que prevía investir 14,8 millóns de euros en infraestruturas para as Pontes e a súa zona de influencia.


Segundo os nacionalistas, a inexistencia dos convenios de colaboración específicos que debe suscribir o Instituto para a Reestruturación da Minaría do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineiras (IRMC), que depende do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, impide na práctica que se fagan efectivas esas inversións. Blanco Parga lembra que en decembro o Pleno do Parlamento Galego aprobou unha proposición non de lei na que se demandaba a presentación inmediata destes convenios.
Por iso, o BNG pregunta á Consellería de Innovación e Industria se recibiu algunha comunicación do Ministerio referida a esta cuestión e se fixo algunha xestión neste sentido e cal foi o resultado.
Manifestación > Traballadores da minería manifestaranse hoxe ás 11.30 horas en Santiago de Compostela nunha convocatoria realizada pola CIG que pedirá unha saída para o colectivo afectado polo peche da mina das Pontes e tamén polos demais afectados na zona de Cerceda. Esixirán, así mesmo, igualdade na prexubilación para os operarios da empresa principal, Endesa, e das auxiliares. A CIG porá a disposición dos interesados autobuses para acudir á mobilización, que partirán ás 09.15 horas desta mañá da sede do sindicato na vila pontesa.

También podría gustarte
Comentarios