Amigus
As Pontes

Moeche prepárase para un novo asalto

[Diario de Ferrol] Como cada agosto, desde 1980, por estas datas os modestinos prepáranse para recibir aos centos de visitantes que ao longo desta fin de semana se achegarán polo seu castelo para recordar un dos episodios máis emblemáticos da Primeira Revolta Irmandiña, a que en 1431 liderou Roi Xordo contra o señor de Andrade, Nuño Freire. Unha vez máis, modestinos e visitantes voltarán asaltar o castelo para reclamar os dereitos dos campesiños contra os abusos do señor feudal. A cita será a noite do sábado, día 23, aínda que o calendario de actividades desta edición do Festival Irmandiño de Moeche, xunto ao de Pardiña o máis veterano de Galicia, iniciarase días antes con diferentes actividades ao carón do castelo.


A ritmo de folk os modestinos asaltarán unha vez máis o seu castelo. Nesta ocasión os galegos Ophiusa, Bonovo e Motor Perkins acompañados polos vascos de Korrontzi serán os encargados de poñer o toque musical a unha das festas máis emblemáticas do calendario festivo da comarca.
Os primeiros en sair ao escenario, arredor das dez da noite, serán Ophiusa, unha formación que no seu primeiro traballo mistura o folk tradicional galego cos aromas do swing, o reggae ou o blues grass. A continuación sairán os vascos Korrontzi. Os instrumentos claves desta formación son a mandolina e o trikitixa (un acordeón diatónico) nos que o grupo se apoia para crear unha particular visión do pasado pero sen esquecer o futuro.
Unha vez rematado este concerto e pasada a medianoite terá lugar o xa tradicional asalto ao castelo. Ataviados con fachos, os centos de asistentes a este cita, voltarán tomar a fortificación ao tempo que un espectáculo de fogos de artificio ilumina o ceo de Moeche. Tras a recreación da Revolta Irmandiña a música voltará ser protagonista da noite. O grupo Bonovo, a nova formación de Óscar Fernández, Roberto Frandal e Pulpiño Viascónm será a encargada de retomar a festa. Tras un ano de bagaxe por escenarios de toda Galicia e diferentes festivais Bonovo chega a Moeche para continuar amosando a esencia acústica da zanfona e do acordeón mesturados co son da batería electrónica e de diferentes efectos virtuais. Motor Perkins será o encargado de pechar esta XXIX edición do Festival Irmandiño de Moeche, adicado aos grupos noveis galegos.
Ademais, e ao igual que outros anos, haberá camisetas conmemorativas do festival á venda en diferentes establecementos de Moeche.
O Festival Irmandiño de Moeche está organizado pola AC Castelo de Moeche e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación e Industria e o Concello de Moeche.

También podría gustarte
Comentarios