A compañía Que Máis Ten Teatro estrea no Alovi “Traballos e imaxinación”

Diario de Ferrol. A compañía de teatro afeccionado Que Máis Ten estrea este sábado, ás nove, no auditorio Cine Alovi, a súa nova montaxe escénica. Trátase de “Traballos e imaxinación”, unha serie de “sketches” escritos polos dramaturgos José Luis Prieto e Gustavo Pernas e protagonizados por diferentes profesións. Este é, segundo o director da obra, Xosé Bonome, o nexo de cada unha das escenas, o traballo “levado ó límite do absurdo”. Así, terroristas, lumis ou ladróns de coches conviven no mesmo escenario.


“Traballo e imaxinación” é a primeira produción na que Xosé Bonome exerce de director. Chamárono hai aproximadamente un ano desta compañía afeccionada das Pontes para facerse cargo do grupo. Na actualidade son oito persoas, todas elas chegando ou pasando dos 50 anos, que escenifican a todo un abano de profesións.
Para Bonome foi unha expereiencia excelente, ata o punto de que asegura que el “naceu para isto”. El traballara como director con nenos e agora pasa ó mundo dos adultos que ten, como calquera, as súas vantaxes e tamén as súas dificultades.
Bonome destaca, xunto co empeño dos oito protagonistas da obra, o traballo feito nos decorados ou na montaxe.
A intención, despois da estrea mundial do sábado, é facer xirar “Traballo e imaxinación” polos diferentes escenarios de teatro afeccionado que hai na Comunidade. Polo de agora xa teñen confimada a súa presenza en Caranza, no ciclo Domingos a Escena, no vindeiro ciclo -que se comezará a desenvolver a partir de principios do ano próximo-.

También podría gustarte
Comentarios