Amigus
As Pontes

A lingua galega revoluciona twitter

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

A comunidade galega na rede social Twitter conseguiu o maior éxito até agora da lingua galega nas redes sociais internacionais. En homenaxe ao nacemento de Ánxel Casal e de Isidro Parga Pondal, ben como á morte do marechal Pardo de Cela, promoveuse unha campaña co uso da etiqueta (ou hashtag) #galega como marca identificadora o pasado venres dia 17. En algo menos de 40 minutos, conseguiuse colocar a palabra #galega entre os 8 temas máis falados no Estado español; en pouco máis dunha hora, xa estaba no máis alto… e continuou nos denominados TT (os top ten) durante máis de 24 horas. Na iniciativa participaron persoeiros da cultura e da literatura galega como Marcos Calveiro, Xosé Manuel Pereiro ou Xabier P.Docampo, entreoutros.


A campaña, nacida dunha iniciativa conxunta de Radiofusión (a rede galega da radio pública local) e GalegoLab, foi un rotundo éxito, que se traduce nas seguintes cifras: máis de 1700 mensaxes (ou tweets) enviadas o venres dia 17, na súa inmensa maioría entre as 16h e as 17h15min; 322 participantes, a pesar de tratarse dunha tarde de venres; máis de 6 horas (e contando…) de lideranza ininterrompida no Estado español; e máis de 200.000 persoas expostas ás mensaxes coa etiqueta #galega. Con iso, conseguiuse por un lado render unha homenaxe aos persoeiros da nosa historia cuxas femérides se celebraban nesta data; “e, por outro, darnos un baño de autoestima ao comprobar que somos capaces de alcanzar obxectivos ambiciosos cando actuamos colectivamente e en nome do que nos une”, segundo afirman os promotores da iniciativa.
Claro que, como toda conquista, esta tamén abre un novo reto, que consiste en superar o conseguido o venres dia 17. A meta non pode ser outra que entrar no Top Ten a nivel mundial, feito que garantiría unha visibilidade para a nosa lingua e cultura sen precedentes no mundo dixital, e que sen dúbida despertaría o interese e a curiosidade de numerosos medios de comunicación internacionais que se nutren habitualmente das novidades xeradas no Twitter, rede social que xa conta con máis de 175 millóns de usuarios.
Nova cortesía de Henrique Sanfiz.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios