A Policía Autonómica detén a tres presuntos incendiarios nas Pontes de García Rodríguez

Os tres detidos causaron, presuntamente, dous incendios por imprudencia no lugar do Castiñeiriño mentres realizaban tarefas de construcción na Autovía Ferrol – Vilalba. Queimáronse un total de 164.800 metros cadrados de monte arborado e raso


Santiago, 29 de agosto de 2006.- A Policía Autonómica en A Coruña detivo a tres homes, C.A.V.A., M.C.M. e J.A.P.S., que presuntamente causaron, por imprudencia, os dous incendios forestais que se rexistraron os días 29 de xuño e 12 de xullo no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez (no lugar do Castiñeiriño, pertencente á parroquia de Ribadeume).
No primeiro incendio arderon 2.000 metros cadrados de monte arborado e raso, mentres que no do 12 de xullo foron 162.800 metros cadrados os que se queimaron. Para a extinción, requiriuse, nos dous casos, dos servizos de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia.
Os presuntos incendiarios pertencen á empresa que realizaba os traballos de construcción dos piares de sustentación das pontes da Autovía Ferrol – Vilalba. A Policía Autonómica baralla a hipótese de que os incendios foron causados pola caída de partículas incandescentes producidas polos sopretes industriais que estes usaban. Non obstante, os traballadores non recoñeceron que esa fose a causa dos incendios, inda que un dos presuntos incendiarios sinalou que un dos dous lumes, o do 12 de xullo, se produciu polo curtocircuíto duns cables estendidos polo chan.
As detencións leváronse a cabo grazas ao informe que a Brigada de Incendios Forestais (B.I.I.F) da Xunta lle remitiu aos Equipos de Investigación de Incendios de A Coruña. Os imputados foron postos en liberdade con cargos e os feitos serán remitidos ao Xulgado de Instrucción de Garda de Ferrol.
Fonte: Xunta.es

También podría gustarte
Comentarios