Amigus
As Pontes

A segunda etapa do roteiro cultural “Camiño dos Arrieiros” terá lugar o 24 de abril dende Mañón ata Vares

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

O pasado día 27 tivo lugar a primeira etapa do roteiro cultural Camiño dos Arrieiros, que levou aos máis de 20 participantes ao longo duns 26 km. O roteiro, -organizado pola Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes e a Liga Céltiga Galaica, e coa colaboración da Asoc. de Estudos Históricos HUME, a Asoc. Informática Amigus e o Clube de Montaña O Caxado- desenvolveuse ao longo do Camiño dos Arrieiros dende As Pontes ata o Cristo de Mouraz en Mañón, visitando entre outros a cruz do Rego do Ouro, o cristo da Faladora ou o Forno dos Mouros.


Dende ambas entidades sinalaron o mal estado do camiño, e que en moitos treitos atópase trancado por peches de fincas, pistas de parques eólicos ou a propia estrada As Pontes – Ortigueira. Sinalan ademais que esta rota prehistórica xa fora proposta en dúas ocasións para ser declarada BIC (Ben de Interese Cultural), sendo denegada pola propia Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Isto agravou aínda máis o abandono da vía e dos elementos patrimoniais do seu contorno.
Destacan que o descoñecemento da súa existencia é a realidade máis acuciante, ao contemplar como a través do propio camiño existen sinalizacións indicando roteiros diferentes, como o de S. Pedro – O Candedo, sen ningunha mención ao propio Camiño dos Arrieiros, eixo fundamental de vertebración de todo o percorrido As Pontes – Vares. Para as entidades organizadoras foi unha xornada importante para a toma de contacto e de coñecemento do estado actual, non só dos ancestrais sendeiros por onde fica o camiño, senón tamén do seu rico e variado patrimonio histórico, chegando á conclusión de que é necesaria unha involucración maior por parte dos poderes públicos para investigar, recuperar, reconducir e dignificar non só o camiño en sí, senón tamén os vestixios arqueolóxicos, representados por pedrafitas, cruces e os máis de 80 túmulos megalíticos que hai ao longo de todo o percorrido.
A segunda etapa do roteiro cultural terá lugar o vindeiro 24 de abril. A inscrición é gratuita e estará aberta ata o día 23 de abril. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse nesta mesma páxina ou ben a través dos teléfonos 665 491 312 ou 636 312 271.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios