Amigus
As Pontes

A vila pontesa albergará o Nacional de raids de aventura

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

[Diario de Ferrol, por Xosé Cendán] A vindeira fin de semana As Pontes será o epicentro dos amantes do deporte de aventura na nosa comarca. O Clube Gallaecia Raid volve escoller a vila pontesa para a celebración dunha proba, que desta vez vai ter a categoría de campionato estatal.


Logo de catro anos consecutivos albergando probas da liga estatal, a Federación Española confiaba neste municipio en base ó aval desa experencia.
Agárdanse case corenta equipos nesta edición do Campionato de España de raids de aventura, na categoría elite, aínda que paralelamente vaise poder participar tamén nunha proba denominada aventura, que xa está concebida para a iniciación, cun menor nivel de esixencia.
De feito, en aventura a distancia total a percorrer será de algo máis de 150 kilómetros, polos 212 da elite. Asemade, no Campionato de España deberán estar sempre en carreira os tres compoñentes, mentres que en aventura poden estar tan só dous cada vez en carreira, cun relevo de asistencia. A media que se estima para cubrir esta distancia é dunhas 24 horas.
As Pontes volve confirmarse como unha zona idónea e consolidada para a práctica desta modalidade, ó ofrecer, a carón do casco urbano, unha gran diversidade de paisaxes e ambientes, axeitados para deseñar un percorrido atractivo para os participantes.
O venres celebrarase a recepción oficial, coa entrega da documentación a tódolos participantes no pavillón municipal da Fraga.
Logo, o sábado, empezarase ás 8 da mañá, coa saída da primeira etapa do Colexio Santa María.
Trazado > Durante todo o percorrido os equipos terán que superar probas de rappel, barranquismo, tirolina, orientación, escalada, btt, canoa, patíns en liña e orientación nocturna. Tentouse, tamén, que se desenvolvesen en enclaves de doado acceso para o público, e debidamente sinalizados, para que a poboación poida gozar das evolucións destes esforzados atletas.
Ademais da saida de Santa María, un bo emprazamento para ver algunhas das probas máis espectaculares sería O Caneiro, a partir das 10 da mañá.
Logo, o percorrido urbano agárdase que se estea a disputar dende as sete da tarde, cun tramo nocturno de patíns en liña polo carril bici que rodea o casco urbano.
Neste mesmo senso, e atendendo á demanda do concello, principal patrocinador da proba, tamén se fará este mesmo sábado unha xornada de iniciación para tódalas idades, de cara a achegar este deporte ó gran público.
Diante do pavillón da Fraga, e desde as dez da mañá, ofreceranse prácticas de tirolina, rocódromo, tiro con arco e orientación para todo o que queira achegarse. Entregaranse tamén diversos agasallos ós participantes.
Mostra > E durante toda esta semana estará aberta tamén ó público unha exposición de fotografías do fondo documental do Gallaecia Raid, en casa Dopeso.
Trátase de instantáneas de grande calidade técnica nas que se reflexan probas celebradas mesmo nas Pontes, e nas que non faltan as fotografías dos últimos mundiais e europeos, coa espectacularidade que dan algunhas paraxes de Chile ou Arxentina.
Na presentación oficial da proba, celebrada onte no salón de plenos pontés, coincidiron nos agradecementos ó Concello, á Federación, e ó Clube. Pablo López, presidente do Gallaecia Raid; José Manuel Sancomed, pola Federación Española de Orientación; Montserrat García pola Deputación; e a concelleira de deportes Eva Conde, fixeron un chamamento a seguir as evolucións dunha proba que promete ser espectacular.
En verbas de Eva Conde, “nós estamos encantados de acoller esta competición, e gustaríanos que tódolos veciños e veciñas poidan disfrutar dunha modalidade que a penas temos ocasión de ver na comarca, pero que é realmente espectacular, e seguro que vai gustar moito ós que se acheguen a vela a vindeira fin de semana”.
A carga emotiva está tamén garantida coa adicatoria desta proba a José Ramón Corral. O malogrado deportista pontés viña de sumarse ó clube organizador pouco antes do seu pasamento, polo que será homenaxeado neste xa Memorial José Ramón Corral.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios