A xeración portuguesa dos setenta no Marco de Vigo

Lendo elcorreogallego.es:
“A finais deste mes conclúe a exposición que o Marco (Museo de Arte Contemporánea) de Vigo dedica a unha vintena de artistas portugueses procedentes da xeración dos 70, un grupo de xente nova axuntado neste feito xeracional; o resto obedece a unha diversidade de propostas nas que domina o soporte fotográfico e o vídeo, pero onde non faltan referencias puntuais ó lugar, o debuxo e a escultura. Deste conxunto despréndese que o artista actual luso non permanece alleo a cuestións candentes na sociedade occidental.”…


…”Así, o impacto de temas conmovedores á sensibilidade humana, como é a inmigración, percíbese nas esculturas a escala natural que presenta Noé Sendas. Son pezas que aínda recollendo prácticas dadaístas miran máis para unha cultura urbana, acubillo e hábitat de moitos seres desamparados que conmoven os espíritos sensibles (e os artistas sono) sumíndoos nun shock de impotencia ante a soidade de quen non ten nin sequera teito.
Analizar a psique humana, o comportamento do individuo, parecen as metas a seguir no traballo do artista Filipa César. Cárgase de valor nunha longa espera propiciatoria desa ollada particular, única, do personaxe extasiado ante o feito da contemplación. Todo en prol de capturar o aceno fresco e espontáneo dun individuo único e singular dentro da comunidade colectiva, aparentemente uniforme e xenérica.
A problemática da identidade, definir ou riscar as fronteiras que separan o feminino do masculino, é outro dos camiños polos que discorre a arte a partir dos anos noventa. Perceptible en obras de Vasco Araújo, tales como Hipólito, onde se definen identidades contrastadas a partir de personaxes con sentimentos encontrados. O esaxerado da paixón de Fedra fronte ó carácter contido que identifica a Hipólito. Ó tempo que se marcan caracteres opostos desaparecen as distancias entre o que se presenta como real ou ficticio. En sentimentos tan extremos non é casual que esta obra se incluíse na exposición que este mesmo centro montou baixo a denominación de Melodrama.
O problema da identidade tamén o aborda Rui Calcada Bastos no seu propio corpo, desdobrado en varias secuencias, como pretendendo saír del mesmo. A lembranza cinematográfica de filmes como Ghost, a propia personalidade retornando como espectro fantasma incide na ambigüidade da percepción.
En afastadas noiteboas lucía o abeto de Andersen en estancias reais. Hoxe xace impoñente nas súas dimensións nestas estancias museísticas prolongando a súa presencia natalicia. Esta vez non erguido senón caído, nunha obra de Joao Pedro Vale que simula ser unha figueira estranguladora con forte carga de denuncia e con resortes violentos, como indica a forma de emprego de elementos como a corda. A violencia enmascarada a través do xogo ou en imaxes de animación co formato vídeo, dentro desa tónica xeral na que se moven mozos artistas internacionais, é a que presentan Francisco Queirós e Miguel Soares, usando dos mesmos resortes dos que se serve a sociedade actual dirixida pola televisión, o ordenador e bombardeada pola publicidade. Os espacios funcionais engulindo ós considerados comúns.
A interacción entre o público e o privado, a diferencia entre arte e vida fusiónanse en obras como as de Rui Toscazo ó introducir nun espacio público actividades desenvolvidas na natureza, como o deitarse no campo, á que se engade a experiencia persoal do son. Nesa liña móvese a proposta de Leonor Antunes ou a repetición dun aceno, no caso de André Guedes: camiñar ata desgastar o solo, seguindo tal vez as pisadas gravadas por Sophie Rúa trala presencia de hóspedes en cuartos anónimos. O feito real elevado a categoría artística, acenos repetitivos insistentes poden ser conceptuados, como demostran as impresionantes imaxes de Joâo Onofre onde un momento de choque entre dúas persoas pode resultar dun enorme talento creativo.
O poético e preciosista completa o potente caudal de posibilidades estéticas baralladas na presente mostra. A melancolía das imaxes de Rita Magalhaes ou o labor detallista e preciosista de Joana Vasconcelos, convertendo un obxecto de uso feminino como é un tampón, esparexido en miríades para compor unha luxosa lámpada, aborda o importante papel das armas femininas na sociedade.
Aínda que moitos traballos dos expostos fosen vistos en mostras galegas ou nacionais, é a primeira vez que se reúne o traballo destes mozos creadores, moitos de cuxos membros alcanzaron sólida presencia internacional. Como comenta o comisario David Barro, existe a certeza de que dita xeración serve de referencia e testemuño nun futuro próximo dunha nova e prometedora etapa de creadores en Portugal.”
Fonte: elcorreogallego.es

También podría gustarte
Comentarios