A Xunta escolle O Courel para instalar a súa primeira rede de Wimax no rural
A Consellería de Medio Rural confirmou a instalación dunha rede de banda ancha sen fíos no Courel. Esta é a primeira tentativa da Xunta de achegar a tecnoloxía Wimax ao rural galego. En función dos resultados, prevese a extensión desta rede a outras zonas illadas.
Trátase dun proxecto piloto que conta cun orzamento de 100.000 euros. Aínda se descoñecen os prazos definitivos, pero desde Medio Rural aseguran que “ten que estar en marcha o ano que ven”. Unha vez que se probe o funcionamento no Courel, faranse máis probas noutras oito areas do rural galego.
A tecnoloxía Wimax facilita conexións de alta velocidade sen a necesidade de instalar redes físicas. O Wimax permite a transmisión de ata 70 Megabits por segundo. O alcance máximo das emisións é duns 50 quilómetros aproximadamente, aínda que a máis distancia menor capacidade de transmisión, igual que sucede co ADSL. En todo caso, a aplicación do estándar IEEE 802.16. permite conexións de máis capacidade que o Wifi, a tecnoloxía sen fíos máis coñecida polos usuarios. Ao igual co Wifi, o Wimax permite que varios usarios compartan unha mesma conexión.
A iniciativa de achegar o Wimax o rural é froito da colaboración dos departamentos de Desenvolvemento Rural e de Sociedade do Coñecemento do Goberno Galego. A Xunta tamén estuda a posibilidade de subvencionar a compra dos receptores finais, pois este proxecto aínda está en proceso de redacción.
A tecnoloxía Wimax xa é empregada actualmente en zonas urbanas, pero apresenta boas posibilidades para achegar a banda larga ao rural. Cómpre lembrar que, segundo datos recollidos no PEGSI , máis do 70% dos núcleos de poboación de Lugo e Ourense non teñen aceso a banda larga. No conxunto de Galiza, dúas de cada dez empresas aínda non poden usar este servizo.