Adeus a Manuel Pico Meizoso

manuel_pico_meizoso.jpg[La Voz de Galicia] O pasado luns familiares, compañeiros e amigos déronlle o derradeiro adeus a Manuel Pico Meizoso, persoa coñecida na vila pontesa pola súa implicación na vida política e sindical nacionalista. Tamén era membro da sociedade de caza Chao de Lousada, socio protector dos clubes de Roupar e Cabreiros, ademais de directivo e responsable das instalacións deportivas do Club Deportivo As Pontes.
Manolo Baretta, como cariñosamente era coñecido, foi unha persoa de bo corazón, traballadora e sempre disposta a todo. Foi unha desas persoas que non saían na foto, pero todo o mundo vía o seu calado traballo e a bondade cos demais. Boa persoa para os amigos, para a súa familia, en especial para os seus máis achegados.


A fatalidade da vida fixo que partira deste mundo a unha idade non esperada, pero familiares e amigos fomos testemuñas de que partiu por ese camiño sen retorno con alegría e vendo gozar ós demais. Esa é a certeza que nos queda, que marchou con ledicia sabendo que os seus seguirán adiante loitando neste mundo ata que chegue o día de ter que coller o mesmo camiño ca el.
Todos notaremos a súa ausencia. Botaremos de menos o seu compañeirismo, a súa bondade e a súa amizade. Ata sempre amigo.

También podría gustarte
Comentarios