O Concello das Pontes ten unhas magníficas condicións para ser un centro industrial de primeira liña, pois contén case tódalas industrias e fontes de enerxía posibles: térmica, gas, eólica e hidráulica, e todas en gran medida, posúe unhas reservas moi importantes de auga, o porto de Ferrol está a 45 minutos. Ten boas comunicacións, -so falta rematar, e xa vai sendo hora, a estrada As Pontes-Momán, que é unha alternativa para ir a Santiago-. A mocidade está, en xeral, moi preparada, aínda que unha gran parte atópase na emigración, por falta de oportunidades na zona. Ten chan en boas condicións para industrias e a agricultura tamén ofrece moitas posibilidades, sobre todo no aspecto forestal e gandeiro. Non obstante, o Concello vai a menos, non so na demografía, -é preocupante que se poida baixar dos 10000 veciños-. senón tamén no incremento do número de desempregados e en xeral no comercio e no que se aprecia na vida cotiá. Por certo, para tratar de mellorar un pouquiño a demografía, non estaría demais, substituír parte das subvencións ás asociacións, moitas veces para paparotadas, por axudas ós recen nacidos, con vales ós pais para compras no comercio local.
A causa máis importante deste desánimo é o peche progresivo de Endesa, que nos fixo dependentes moitos anos dunha soa industria, e xa se sabe o que é depender dun monocultivo. De tódalas maneiras existen outras causas como é o actual conformismo e falta de ideas do grupo de goberno municipal, que se vai parecendo a actitude da Xunta de Feixoo, moita estabilidade, iso si, mantendo Galicia na cola de España. Nas Pontes ninguén vai negar que se fan ben algunhas cousas, como mantemento de servizos, limpeza en xeral, arranxos de rúas, actos culturais e deportivos, e obras, como a reparación do pavillón dos deportes e piscina, iso si, por unha cantidade de máis de un millón de euros que é superior ó que costou construílos, o que parece excesivo, nun intre de precariedade.
Mais non se planifican accións de futuro, por exemplo, o plan de urbanismo está na estacada, con varias maiorías absolutas e despois dun inicio moi prometedor, iso si, fanse plans parciais que permiten esfarelar a poboación, co custe que significa nos servizos, e sobre todo, cando existen moitos pisos baleiros no núcleo urbano e vivendas unifamiliares no Poboado das Veigas de sobra; do convenio con Endesa, sigue sen verse nada concreto na realidade; os polígonos industriais con este goberno non se incrementaron nin un so metro cadrado; falouse do polígono tecnolóxico, e que hai del?; ante o peche da central de Endesa, iniciáronse unha serie de mobilizacións, onde os transportistas foron os principais protagonistas, e celebráronse varias reunións a alto nivel, non obstante, coincidindo coa pandemia, practicamente todo se paralizou. É difícil de entender que ante un conflito no que o Ministerio de Industria e o de Transición Ecolóxica, a Xunta, a Deputación, o Concello, os sindicatos e o pobo das Pontes e a comarca, din que están de acordo en que hai que esixirlle a Endesa, ante a súa obstinación en desmantelar a central térmica, unha aposta pola utilización de outros biocombustibles, a empresa non responda, e siga cos seus plans de desmantelamento e non se fagan uns plans concretos de transición. Algo falla, da a impresión que algunha das institucións non está facendo o traballo correctamente, pois senón, a empresa soa, non se sairía coa súa. Tampouco no sector primario se está actuando eficazmente: arranxar pistas, levar auga ós lugares esta ben, máis hai que revalorizar o rural, fomentando cooperativas agrarias, facilitando a agrupación de fincas, axudando na comercialización dos produtos, etc.
Estámonos xogando o porvir, e este Concello, que nalgunhas etapas foi moi dinámico, agora está apagado, por iso, sería moi convinte un concurso de ideas, con especialistas que puxeran sobre a mesa proxectos viables a executar a corto, medio e longo prazo e tamén esixirlle a oposición, que xa sabemos que aínda que non é responsable da situación, aporte ideas construtivas, e polo menos, que se faga visible.
As Pontes, 26/12/2020
Xosé-Bieito Coello Coello