Axenda 21

Os concellos de A Capela, Cabanas, Moeche, Monfero, Pontedeume, San Sadurniño e Vilarmaior acordaron a finais de 2005, no marco da asociación para o desenvolvemento rural EuroEume, e xunto cun total de 63 entidades asociativas, elaborar unha Axenda 21 Local. A Axenda 21 é unha estratexia para un desenvolvemento sustentable e integrador do territorio, concretada nun Plan de Acción conxunto para as entidades participantes.


A sustentabilidade baséase na idea de que todos os sectores da sociedade –representantes políticos, técnicos, asociacións, entidades empresariais, cidadanía en xeral, etc.- teñen responsabilidade na creación duns municipios máis desenvolvidos, ecolóxicos, socialmente integrados e con mellor calidade de vida. Neste sentido, a elaboración desta Axenda 21 asentarase nun marco de diálogo social e no establecemento de consensos ao redor do obxectivo da sustentabilidade.
Con este cometido reunirase o vindeiro luns, día 27 de marzo, ás 19,00 h, no Centro Social de As Neves (A Capela), a Comisión Intermunicipal de Seguimento, formada polos Alcaldes de cada un dos Concellos vinculados á Axenda 21. O obxectivo desta xuntanza é o de realizar un seguimento dos estudos técnicos que se están a realizar no inicio do proceso, e coordinar a celebración, nestas datas, de Foros Locais de debate en cada un dos municipios.
Estes Foros Locais estarán abertos á participación de todas as persoas interesadas; e realizarán unha priorización inicial das problemáticas e oportunidades que deben considerarse cara á elaboración do Plan de Acción da Axenda 21. As datas e lugares de celebración, son as seguintes:
• A Capela, Martes 28 de Marzo ás 20,00 h na Casa da Cultura
• Cabanas, Mércores 29 de Marzo ás 20,00 h na antiga Casa do Concello
• Monfero, Xoves 30 de Marzo ás 20,00 h na antiga sede da Cámara Agraria
• Vilarmaior, Sábado 1 de Abril ás 17,00 h no Centro Social de Doroña
• Pontedeume, Luns 3 de Abril ás 20,00 h no Centro de Maiores
• San Sadurniño, Martes 4 de Abril ás 20,00 h na Casa da Cultura
• Moeche, Xoves 20 de Abril ás 20,00 h na Casa do Concello
As conclusións desta serie de xuntanzas serán integradas nun espazo de diálogo intermunicipal, denominado Foro EuroEume (foro territorial, conxunto para tódolos veciños e veciñas dos sete concellos), que terá lugar a finais do mes de abril.
A participación das organizacións presentes no municipio e da cidadanía en xeral a través dos Foros, constitúen unha das claves do éxito deste proxecto. É por isto que se convida ás asociacións, entidades empresariais, etc., así como a todas as persoas que, en cada municipio, podan ter interese, a participar no proceso de elaboración da Axenda 21.
Jorge Fente
Coordinador da Axenda 21
(627 570 943)
Asociación Euroeume, 981 440 729

También podría gustarte
Comentarios