AXENDA 21 EUROEUME

Como xa puxemos no seu coñecemento, dentro do marco da Asociación para o Desenvolvemento Rural EuroEume; os concellos de Vilarmaior, Monfero, A Capela, Cabanas, Pontedeume, San Sadurniño e Moeche, atópanse inmersos no proceso de implantación da Axenda Local 21. No momento actual, estase a rematar a recollida de información para elaborar un Diagnóstico de situación de cada un dos concellos e, por ende, do conxunto do territorio, dándolle unha perspectiva integrada que permitirá a elaboración dun Plan de Acción.


Este Diagnóstico (e o posterior Plan de Acción), aséntase en dúas liñas de traballo complementarias:
1. Auditoría Técnica: consiste na recollida de datos obxectivos referidos a unha serie de dimensións de análise (Medio Ambiente, Ordenación do Terriotorio, Desenvolvemento Económico, realidade Sociocultural,..). Unha vez obtidos os datos, analízanse desde a perspectiva do desenvolvemento sustentable, cara á elaboración dun diagnóstico sobre a realidade que presentan os distintos concellos e o territorio EuroEume no seu conxunto.
2. Plan de Participación Cidadá: consiste na implicación do tecido social na elaboración desta reflexión diagnóstica, aportando e contrastando as diferentes perspectivas sociais que están presentes no territorio, nun proceso de construción de sinerxias para a implementación da Axenda 21.
O Plan de Participación Cidadá aséntase centralmente na celebración de Foros nos distintos municipios, aos que se convoca aos veciños e veciñas. Na súa primeira edición, realízase unha primeira definición conxunta dos horizontes “desexados” cara o futuro do municipio, así como unha identificación das cuestións ás que cómpre dedicar unha atención prioritaria no diagnóstico e no Plan de Acción da Axenda 21.
Entre finais de Marzo e mediados de Abril, foron convocados os Foros Locais en cada un dos sete concellos implicados, valorándose como moi satisfactorio o seu resultado tanto por parte do equipo técnico da Axenda como dos concellos; a aportación de ideas por parte dos veciños e veciñas asistentes permitiu obter gran cantidade de orientacións acerca da situación local. Nestes Foros participaron un total de 135 persoas, das cales, aproximadamente, a metade eran membros dalgunha asociación.
A partir da próxima semana, os concellos disporán dun borrador do Diagnóstico, elaborado a partir da integración dos datos recollidos tanto na Auditoría Técnica como no Plan de Participación Cidadá. Realizado este seguimento, o borrador será contrastado nun Foro territorial, ao que se convocarán aos veciños e veciñas dos sete concellos. Así validado, o documento definitivo de Diagnóstico estará concluído a finais de Maio.
O posterior paso, será o de comezar coa elaboración do Plan de Acción da Axenda 21 Local.
Asdo: Jorge Fente
Equipo Técnico do Plan de Participación
(627 570 943)

También podría gustarte
Comentarios