Axudas de Industria ás empresas por danos ocasionados polo temporal

[Diario de Ferrol] A Consellería de Innovación e Industria vén de convocar unha liña de axudas para que as empresas poidan reparar os danos ocasionados como consecuencia do temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.


Teñen a posibilidade de acollerse a elas aqueles establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís que sufrisen danos nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e mercadorías nelas depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.
Cómpre destacar que a concesión destas axudas terá carácter subsidiario e complementario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, do que poidan ser beneficiarios os afectados.
Estes teñen de prazo até o día 4 de marzo para formalizar as solicitudes, trámite que deberán efectuar necesariamente por medio dos formularios normalizados que hai que obter, cubrir, validar e imprimir a través da aplicación informática Axudas Virtual, que se atopa no enderezo de Internet http://www.conselleriaiei.org.
Xunto cos formularios terán que presentar unha certificación expedida pola Axencia Tributaria na que se indiquen os epígrafes do imposto de actividades económicas nos que figuren dados de alta; unha memoria descritiva dos danos causados e do investimento necesario para a súa reparación; documentos gráficos que dean fe do dano; acreditación da titularidade dos bens afectados e declaración xurada de que estes son consecuencia do temporal.
Ademais, as persoas xurídicas deben achegar copia compulsada do CIF e das escrituras de constitución da sociedade.
A Consellería de Innovación e Industria poderá conceder unha subvención que cubra ata a súa totalidade o importe da reparación dos danos, para o que levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias a fin de garantir a óptima fixación da contía dos danos e a correcta aplicación das axudas.
Ademais, poderase liberar un anticipo máximo do 50% da contía que se estableza na resolución tras a valoración das diferentes solicitudes presentadas.

También podría gustarte
Comentarios