Unha vez rematada a xornada individual do sábado, este domingo disputábase a proba por equipos masculinos no Campionato de España de Tiro con Arco en Sala celebrado na localidade andaluza de Fuengirola.
A selección galega estaba composta por Miguel Alvariño, Dani Castro, ambos do Silex pontés, e Vicente Veira, do Arc Teixo, cuarto clasificado na proba senior de Recurvo.
Partían coa cuarta marca da previa (1712) das doce comunidades participantes, por detrás de Madrid (1718), Extremadura (1713) e Castela e León (1712).
Na rolda eliminatoria de cuartos de final vencían por un claro 6-0 á sempre potente Baleares, para caer en semifinais ante Madrid 5-1, selección que acabou logrando o ouro tras vencer na final a Extremadura 6-2.
Nunha emocionante final de consolación polo bronce, en sets que acabaron en empate ou se decidiron por un só punto, venceu Galicia por un axustado 5-3 á Castela León, colgándose o bronce os tres integrantes irmandiños.
En Arco Composto venceu Andalucía, seguida de Aragón e a Comunidade madrileña.
Nova cortesía de Xose Ferreiro