Amigus
As Pontes

CASA NAS PONTES

Lugar: As Pontes (n.u.)
Parroquia: Santa María das Pontes de García Rodríguez
Denominación: Casa nas Pontes
Cronoloxía: Principios do s. XX
Documentación gráfica: Planta baixa (A), Alzado principal (B)
No núcleo urbano das Pontes podemos atopar unha gran variedade de vivendas con galerías, de distintas tipoloxías. Neste exemplo a casa fai esquina, nun cruce de dúas estradas, tendo un aspecto exterior bastante descoidado.
A planta é trapezoidal, case cadrada, disposta en dous andares. Ao interior accédese dende dúas entradas independentes, que corresponden a locais comerciais. Dende un deles tamén se pode entrar á vivenda, contando con dúas portas que levan directamente ás estancias máis privadas da casa, situadas no primeiro andar, xa que o baixo queda como zona de almacenamento ou trasteiro.
O interese da casa céntrase na fachada principal, onde se coloca unha galería de madeira que percorre toda a fronte, e que apoia nun muro testeiro, por un lado, e sobre lousa de pedra. Deste xeito o baixo queda lixeiramente recuado respecto á galería. O módulo da mesma é moi sinxelo e repítese sen ningunha variación.
O lateral deixa á vista a cachotería en numerosos descascados, colocándose as fiestras arbitrariamente. A cuberta, de lousas, trázase a tres augas e nela levantáronse dúas chemineas de pedra.

Plano_tenda.jpg

SORALUCE BLOND, J.R. e FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, X.: Arquitecturas da provincia da Coruña. Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez. Vol. IX. p. 224. Ed. Deputación Provincial. A Coruña, 1997

También podría gustarte
Comentarios