Amigus
As Pontes

Cerceda avisa de que recorrerá o decreto do carbón se vai adiante

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

A repercusión da norma sobre as centrais térmicas de Meirama e das Pontes acarreará unhas perdas
de máis de 100 millóns 
de euros ao ano
[Xornal.com] O Goberno central segue adiante coa súa intención de incentivar o consumo de carbón autóctono mediante un decreto que prexudicaría seriamente a Galicia, onde as térmicas investiron unha importante cantidade de diñeiro para poder tratar carbón importado. Logo de que esta semana a comisión de Industria do Congreso rexeitase–cos votos de PP e PSOE– unha proposición do BNG para “adaptar” a norma a Galicia, o único escalón que queda é que en Bruxelas se lle dea ao decreto o visto bo definitivo. Dende o concello de Cerceda, onde se atopa a térmica de Meirama, denuncian que en Galicia non se está a facer o suficiente para defender os intereses do país e anuncian que, se o decreto vai adiante, recorrerano.


De aprobarse definitivamente o mandato nos termos nos que está plantexado –facendo que as industrias que empregan carbón autóctono vendan un 15% de electricidade no mercado nacional– as perdas para Galicia e para as térmicas de Meirama e das Pontes poden ser enormes. Os concellos afectados, ambos gobernados polo PSOE, cuantifícanas en máis de 100 millóns de euros anuais. “Esta decisión non só afectaría as poboacións que viven ao redor da térmicas, senón tamén a toda unha rede social, dende os transportistas ás empresas auxiliares”, explica José García Liñares, o alcalde de Cerceda.
O funcionamento normal das dúas plantas supón un consumo de carbón da orde de 5.500.000 toneladas, 1.500.000 en Cerceda e 4.000.000 nas Pontes. O transporte da mercancía faise dende os portos de Ferrol e da Coruña. De non producirse un movemento de carbón prevese unha caída duns 40 millóns de euros ao ano.
Por outro lado, a aprobación do decreto afectaría directamente a outras actividades que se realizan nas instalacións das dúas térmicas e que teñen unha repercusión directa no emprego nas áreas de influencia das dúas centrais.
Ademais, tanto Xunta como concellos benefícianse de diversos gravámenes que van vinculados ao traballo das empresas. Nestes conceptos estímase que se perderían máis de 60 millóns de euros ao ano. É por todas estas cuestións que dende Cerceda, Liñares asegura que o seu municipio recorrerá o decreto se é aprobado. “Aínda temos que estudalo, e non sei o que van facer nas Pontes. Supoño que tamén se personarán con nós, que imos pelexar”, explica.
O certo é que dende a Xunta, Feijóo xa manifestou o pasado mes de xullo a intención de recorrer o decreto do carbón se fose necesario. Non obstante, a tenor das actuacións e posturas que está a adoptar o grupo popular, a idea de que o Executivo galego recorra o decreto parece pouco críble. “Dende a Xunta tamén aseguraron que ían recorrelo pero non lle vexo moito sentido logo de ver como nestes momentos Rajoy está totalmente a favor, por interese, das reclamacións que se fan dende Asturias, Castela e dende Andalucía, polo que non creo que lles deixen facer nada en Galicia”, opina Liñares, quen recorda que na entrevista que el e o rexedor das Pontes, Valentín Formoso, mantiveron con Núñez Feijóo, o presidente admitiu que “a cousa estaba moi difícil de abordar”.
Para Liñares, tanto o PP, como o seu propio partido, o PSOE, non están a defender os intereses galegos neste tema coa forza necesaria. “A verdade é que a votación no Congreso non me sorprendeu a estas alturas. Do PSOE entendía que votaran en contra porque é o Goberno o que presenta o decreto e non ían facer outra cousa. Por outro lado, o PP ao principio estaba a favor de modificalo. Ao vicepresidente do Parlamento europeo, Alejo Vidal Cuadras, non lle gustaba o decreto pero finalmente na votación da iniciativa do Bloque, o PP abstívose”, comenta o rexedor.
“A verdade é que estou moi decepcionado coa actuación de todos. Non entendo, por exemplo, por que a Valentín e a min non se nos ofreceu unha entrevista en Bruxelas como si o fixeron os rexedores doutras zonas nas que queren o decreto.Deste tema e da postura galega todo o mundo pasou e o que me dá máis rabia e que non se pelexou. Rajoy é galego e José Blanco é galego e suponse que ten liña directa con Zapatero… Por que non se tiveron en conta as necesidades de Galicia tendo en conta o volume de perdas que ía traer consigo esta nova norma?”, reflexiona o mandatario local.
“Se tiveramos pelexado e perdido a batalla non podería dicir nada, pero é que nin tan sequera pelexamos, nin nos defendemos. Se non vamos a facer nada, se en Galicia non hai poder de decisión non sei nin para que temos o Parlamento. Non, non se pode ir a unha batalla así”, apunta o alcalde, moi decepcionado coa actuación das forzas galegas.
“Politicamente, non se entende que os deputados galegos do PSOE e do PP voten en contra de modificar o decreto do carbón, por desgraza neste país sempre nos movemos así. O tema do carbón estase a parecer perigosamente moito ao que foi o veto de Navantia e de Astano”, comenta Fernando Blanco Parga, ex deputado do BNG e representante da CIG nas Pontes. “Haberá que esperar a que fale Bruselas a próxima semana para ver que pasa”, di.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios