O PSOE central non debateu a postura galega sobre o carbón

[Xornal.com] Un sector dos socialistas galegos non se atopa cómodo coa postura que está a manter o PSOE central e por engádega o Goberno no que atinxe a un decreto do carbón que prima o consumo de combustible autóctono e prexudica aquelas industrias que empregan materiais importados, a pesar de ser máis ecolóxico, como é o caso das térmicas galegas. Así, fontes dos socialistas na comunidade aseguraron a Xornal que “en Madrid o PSOE nin tan sequera entrou a debater a problemática galega”.


As mesmas fontes aseguran que un deputado socialista galego tería demandado dentro do partido que á hora de tratar o decreto se tivese en conta que beneficiaba a moitas comunidades mineiras pero prexudicaba gravemente a Galicia. “Pero lle dixeron que non podía facer nada, que ese tema non entraba a debate”, comentaron a Xornal de Galicia as fontes socialistas.
De forma oficial, o PSdeG manifestou a súa posición en contra da aprobación do decreto do carbón ante o Ministerio de Industria, aínda que os seus laios semella que caeron en saco roto. “A nosa posición está moi clara dende o principio. Entendemos que non se pode axudar ou beneficiar a unha comarca en detrimento doutra”, explica o deputado do PSdeG , Abel Losada.
“Por suposto que é necesario darlle unha saída económica a esas empresas pero o que non pode ser é que para iso se estea a fastidiar a outras zonas, o que nos intentamos é que a defensa do carbón non vaia en contra dos intereses de Galicia”, manifestou o parlamentario.
No referente ao apoio que os socialistas galegos recibiron por parte da cúpula do partido en Madrid a respecto deste tema, o parlamentario asegurou descoñecer se a postura galega “se tiña debatido ou non” no PSOE central.
“A verdade é que eu non sei o que se poida falar na Executiva do partido pero o que si sei é que os socialistas galegos levamos as nosas reivindicacións ata o Ministerio de Industra”, asegura Losada. “Entendemos que é necesario dar axudas, pero non a costa doutras alternativas enerxéticas”, engade o deputado.
EN ASTURIAS, A FAVOR
Mentres en Galicia se protesta polo decreto do carbón, na conca asturiana espérano con impaciencia. As organizacións sindicais SOMA-FIA-UGT e a Federación de Industria de CC OO convocaron onte un paro que durará até o mércores e no que se farán catro marchas desde as concas mineiras a Oviedo para reivindicar “o futuro do sector do carbón e a reactivación” destas comarcas.
Ademais, os dous grandes sindicatos españois convocaron unha folga xeral na minería do carbón prevista para os próximos días 22, 23, 29 e 30 de setembro en protesta polas condicións laborais deste sector.

También podría gustarte
Comentarios