Charla coloquio: o lago de As Pontes e o río Eume a debate

Organizada por Verdegaia e Fusquenlla celebrarase unha charla o vindeiro venres 19 en Pontedeume. Xoan Ramón Vidal Romaní, catedrático e director do Instituto Universitario de Xeoloxía da UDC, falará sobre os perigos do enchido do oco da mina de As Pontes. Mónica Arto, responsábel comarcal de Verdegaia e representante da FEG na xunta consultiva do Parque das Fragas do Eume, tratará a problemática actual do río Eume. Unha problemática que non só se centra na alta acidificación do río e que será posta de manifesto por Concha Ferreiro, química e socia de Adega.


Endesa está a realizar unha das maiores agresións medioambientais que a comarca do Eume sufrirá nun futuro inmediato. Á ubicación da central térmica mais contaminante do estado español, síguelle a construción do lago artificial máis grande do país. O enchido da antiga mina que abasteceu á central do lignito para o seu funcionamento entraña un serio perigo para o hábitat e mesmo para a seguridade da poboación. A posibilidade de sismos e a contaminación do río Eume e da súa contorna son algúns dos temas que Vidal Romaní vai abordar nesta conferencia.
Precisamente a alta contaminación e acidificación que este río padece serán outro dos asuntos a tratar por parte de Mónica Arto. Se xa a situación actual lévanos a ser pesimistas con relación ao futuro do río, o impacto que o lago provocará nas súas augas pode significar a defunción deste emblemático río e por ende dun espazo catalogado como Parque Natural pero nunca protexido como tal.

También podría gustarte
Comentarios