COMUNICADO: PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES

Ante a apertura da exposición A Memoria da Terra instalada no edificio de usos múltiples pontés Casa Dopeso, dende a Plataforma queremos manifestar que non estamos en contra de ensinar a cultura ao pobo. Mais sí en contra do engano e a mentira. O tempo bule e eiquí a única Memoria que garda a Terra é a da destrución sistemática do seu Patrimonio Cultural e Natural.
A mostra que prentende facer un repaso pola Historia e presentar os resultados dos diferentes traballos arqueolóxicos levados a cabo no municipio, está financiada pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e cústanos aos galeg@s máis de 21.000 €.
Se temos en conta que o número de profesionais que traballaron nas tarefas de escavación da Mourela superou o centenar, sen resultado coñecido polo momento. E que a autorización de Patrimonio para proseguir as obras, viña respaldada pola idea de que non quedaba nada, cando menos susceptíbel de ser conservado. Agora, sete meses despois da destrución dos restos do anel lítico da Mourela, os que se din profesionais da arqueoloxía en Galiza presentan unha exposición sobre algo que xa non existe e que eles mesmos axudaron a destruir cos seus informes. E nós como veciñ@s das Pontes temos que tragar coas súas lerias e pantomimas. Canto máis?
Dende a Plataforma, consideramos que esta exposición é simplemente unha defensa da postura irracional que o goberno da Xunta tomou coa decisión de destruir os restos da necrópole prehistórica. Unha exposición programada xa antes da destrución, para lavar a cara de quen errou na planificación da autovia. Unha exposición en fin, da mentira e do engano para xustificar e correxir o que foi unha decisión política mal tomada e que supuxo a perda dun lugar excepcional do Megalitismo galego.
Agora unha exposición que revisa a historia. Unha historia pragada de roubos, atentados e destrucións sistemáticas do noso Patrimonio. Máis de 80 mámoas e 3 castros devorados por escavadoras na mina de carbón. Casas, cabazos, pontes, cruceiros, muiños derrubados, parroquias enteiras cos seus lugares postergados ao esquecemento da sinrazón. A colección de materiais do Castro de Espiñaredo, desaparecida en mans escuras. O Portorroibo paleocristiano devorado sen compasión. O vaso campaniforme da Vilavella, desaparecido dunha das vitrinas da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago. O Chamoselo romano, soterrado baixo coches, casas, rúas e polución. As pontes que nos definen fendendo polos petrís. E un longo etc. Se a exposición reflicte todas estas situacións reais que padeceu e padece o Patrimonio das Pontes, os nosos parabéns para a organización.
Se pola contra atopámonos ante a manipulación da verdade, ante a omisión dos datos e das opinións que testemuñan a situación de desamparo legal que padecen os nosos recursos culturais e ante a declaración pública da ineptitude dos nosos administradores en favor dun malentendido progreso, non nos queda máis que loitar. Loitar para que a verdade da Mourela continúe viva, para que a moura conspiración que aniquilou o noso herdo pague a débeda que mantén coa nosa terra.
Canto Máis?

También podría gustarte
Comentarios