Continúa a indignación nas Pontes polo peche do colexio Monte Caxado

Na tarde do domingo máis de medio milleiro de persoas concentráronse no lago, onde se celebraba o Northwet Triman

Máis de medio milleiro de ponteses reivindicaron no lago o unilateral peche decretado pola consellería de educación do colexio Monte Caxado, feito comunicado por teléfono un pouco antes de rematar o horario escolar e a un día das vacacións estivais dos máis de 260 nenos e nenas matriculados neste emblemático colexio pontés.

Dende as catro da tarde os numerosos veciños das Pontes concentráronse nas inmediacións do lago, para despois das seis baixar ata onde se celebraba naquel intre a cuarta edición do Northwest Triman, que contou coa participación de máis de seiscentos atletas e que foi gañada por Juan Foulquié e Ana López en longa distancia, e por Aimar Aguirresarobe e Sonia Pariente, en media distancia.

Os concentrados portaban pancartas en contra do peche do colexio. Nas facianas víase o enfado, indignación e rabia polo feito de pechar o Monte Caxado sen ningunha explicación convincente e agregar ós seus alumnos de infantil e primaria no colexio da Magdalena que non ten espazo suficiente para acoller tanto alumnado e no instituto Moncho Valcarce os de secundaria.

Entre eles atopábase o propio alcalde pontés, Valentín González Formoso, quen dixo que se intensificarían as reivindicacións para intentar que “a consellería recoñeza o erro cometido co Monte Caxado”. Tamén fixo un chamamento ó sector dos camioneiros para que apoien estas reivindicacións.

Pola súa banda, o colectivo de profesores do Monte Caxado a día de hoxe aínda non saben nada oficialmente, polo que hai a lóxica preocupación pola súa situación.

Mañá luns haberá no polideportivo do colexio un peche de vinte e catro horas cunha gala cultural e o martes 27 realizarase unha manifestación fronte á consellería de educación na capital galega.

As Pontes, 25 de xuño de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

También podría gustarte
Comentarios