Cultura prevé ampliar os BIC a mámoas e cámaras megalíticas
[A Nosa Terra] A Consellería de Cultura prepara un informe para declarar como Bens de Interese Cultural (BIC) a mámoas e dólmenes de Galiza, especialmente, da Costa da Morte. Estes monumentos arqueolóxicos seguen, deste xeito, o camiño comezado en castros e petroglifos.
Dolmen galego
Segundo fontes da consellería consultadas por ANT Diario, a Dirección Xeral de Patrimonio traballa xa na delimitación dos posíbeis túmulos megalíticos que serían declarados BIC. A maior parte deles estaría situado na Costa da Morte, onde xa na actualidade se prevé a creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo.
Ata o momento, e logo de varios anos de peticións infrutuosas, só o conxunto de 30 mámoas de Santa Mariña, entre os concellos de Samos, Sarria e o Incio, acadou a declaración BIC o pasado ano. Esta declaración conleva o grao máximo de protección e tutela que pode ter legalmente un ben cultural, tanto deste coma do seu contorno paisaxístico e permite incluso a expropiación das propiedades que distorsionen a apreciación do monumento. Tamén implica un réxime sancionador moito máis duro no caso de destrución destes xacementos.
Castros e petroglifos
Con esta nova previsión, Cultura continúa o traballo iniciado o pasado verán, cando se anunciou a declaración como BIC dun total de 20 castros de toda Galiza así coma 23 estacións de petroglifos da provincia de Pontevedra. Pero para facer efectiva esta declaración era preciso realizar os traballos de catalogación e delimitación dos xacementos, delimitar a súa forma e perímetro así coma o alcance da área de protección circundante, que tamén quedará protexida.
Estes traballos veñen de ser rematados o pasado mes de xaneiro e, agora, todos os informes realizados serán analizados polo Servizo de Protección e Inventariado da Secretaría Xeral de Patrimonio para que comecen os trámites de incoación e sexan declarados formalmente como BIC para marzo.