CUMPRÍRONSE DEZ ANOS DO ASCENSO DO EQUIPO XUVENIL Á DIVISIÓN DE HONRA

Foi un 15 de Abril de 2007 tras gañar ó Racing de Ferrol

Este sábado 15 de Abril cumpríronse dez anos dun feito histórico no fútbol pontés, que foi o ascenso do Xuvenil do CD As Pontes á máxima categoría do fútbol español, a División de Honra.

O CD As Pontes viña de ascender da Liga Galega na campaña 2005-06, sendo subcampión, empatado a puntos co Lalín. Polo tanto, o obxectivo na Liga Nacional dos de Calpita, cun plantel formado case exclusivamente por xogadores da casa, era a salvación.

Nesa 2006-07, o cadro pontés fixo unha máis que aceptable primeira volta, incluíndo un 1-0 ó Ourense ou empates en Lugo e Ferrol, que encarrilaban a permanencia. Pero o inicio da segunda foi espectacular, con dez triunfos consecutivos, entre eles un 1-0 ó Deportivo B, un 2-1 ó Celta B, ou 1-0 ó Lugo.

A falta de cinco xornadas cun só triunfo garantían o ascenso, pero os nervios fíxeron mella nos xoves ponteses, que caeron en Pontevedra (4-1) e Ourense (2-1), e na casa ante Arousa (0-1) e Rápido de Bouzas (2-3).

O destino quixo que na derradeira xornada, unha das prazas do ascenso se xogara no Poboado, entre o As Pontes e o todopoderoso Racing de Ferrol.

Unha mañá soleada de domingo, 15 de Abril, cun campo ateigado por afeccionados dos dous equipos xogaban ponteses e ferroláns por un posto na máxima categoría do fútbol xuvenil español.

Ós locais valíalles o empate, mentres os visitantes necesitaban a vitoria. O habilidoso media punta Víctor Iglesias Freijomil poñía por diante ós azuis cun dobrete antes do descanso.

Mellor se poñían as cousas, cando, trala reanudación, nunha xogada se desmarca Dani Fernández, regatea ó porteiro ferrolán, e pon o 3-0 no marcador.

Seguírono tentando os verdes, e preto do final, anotaron o tanto da honra marcando un golazo polo escuadro establecendo o 3-1 definitivo.

Acabou gañando a Liga o Deportivo B, no que estaba Dani Carballeira, con 74 puntos, seguido do Celta B con 70. Ambos clubs obviamente non podían ascender ó ter ós seus primeiros equipos xuvenís na categoría superior. Eses postos foron para Pontevedra e As Pontes, que sumaron 55 puntos ambos.

Por detrás dos ponteses quedaron equipos históricos, e de grandes cidades, coma o CD Ourense (52), Racing de Ferrol (51) ou CD Lugo (43).

Como dato curioso sinalar a efectividade do equipo azul, que apenas marcou 36 goles, gañando 11 dos 30 encontros cun só gol de diferenza, oito deles na segunda volta, sendo o noveno goleador dos 16 equipos da categoría.

Iso si, o bagaxe defensivo fora espectacular, pois só recibiu 22 goles, sendo o menos goleado xunto ó Celta B. Incluso o campión Deportivo B recibira 25 tantos en contra.

Estaban no equipo dirixido polo gran Calpita, e que logrou o ascenso, na portería, Dani Castro, Agustín Romero e Adrián Varela, e coma xogadores de campo, Dani Fernández, Troncho, Víctor Iglesias, Dani Rebolo, Adrián Bouza, Adrián Boo, Alex Antón, Santi Rouco, Vicente Pardiño, Óscar Ferreiro, Hugo Filgueiras, Fermín Arnoso, Noé Fernández, Alberto Varela, Vladislav Stoilov, Jose Campello, Javi Sordo, Borja Bonilla, Alex Fresco, Rubén Pico e Óscar Martínez.

Apenas durou unha tempada na máxima categoría o CD As Pontes, a 2007-08, a mesma na que están FC Barcelona, Real Madrid ou Atlético, entre outros grandes, vítima da súa inexperiencia na categoría e algunha que outra mala arbitraxe.

Nunha Liga gañada polo Deportivo da Coruña de David Rochela, que apenas cedeu 8 empates e sumou 74 puntos, acabou o equipo pontés último con 21 puntos, descendendo xunto a Zamora, Cervantes Salesianos e Estudiantes de Gijón.

Pero polo menos, deuse o gusto de xogar contra equipo históricos, e de obter coma resultados máis destacables un empate a domicilio ante todo un Sporting de Gijón (2-2), ou as vitorias fora ante a Cultural Leonesa (0-1), Puente Castro (1-2) e Atlético Perinés (0-2).

Aquel ano pasaron polo Poboado o Deportivo da Coruña (0-1), Celta de Vigo (1-4), Oviedo (1-1), Racing de Santander (1-3), e Sporting de Gijón (1-2), e viñeran xogadores como Sergio Canales, Joselu Sanmartín ou Juan Domínguez, entre outros moitos.

Lonxe quedan por desgracia eses tempos de gloria, pero bo era recordalo no décimo aniversario.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios