DÉCIMO ANIVERSARIO DO CAMPIONATO DE EUROPA

Este pasado sábado día 13 cumpríronse 10 anos da vitoria na final contra Inglaterra

Este 13 de Maio cumpríronse dez anos doutro fito histórico do fútbol pontés. Si hai un mes se recordaba o ascenso do equipo xuvenil a División de Honra, desta vez quixemos recordar que un futbolista pontés, David Rochela, hoxe no fútbol tailandés, quedou Campión de Europa con unha Selección Española.

Tras dous anos de adestramentos, e probar Don Juan Santisteban a moitos xogadores, a Selección Española Sub17 da xeneración de 1990 afrontaba o Europeo Sub17, que ese ano se ía a disputar en Bélxica.

Recordar que España gañara as edicións de Grecia 1986, Vallecas 1988, Suiza 1991, Alemaña 1997, República Checa 1999, Inglaterra 2001. E despois do torneo de Bélxica gañou tamén a de Turquía 2008.

Comezaba a andaina o equipo dirixido polo mítico Santisteban, en Almuñécar, na Fase Previa de clasificación ó torneo belga, onde España se enfrontaba a Suiza, Polonia e Suecia, con unha soa praza en xogo.

Gañaba España con moitas complicacións no debut a Suiza (1-0), e despois a Suecia (3-1) e a Polonia (1-0), con tantos de Bojan Krkic, Isma López, Fran Mérida e dous de Pichu Atienza.

Rochela comezou de suplente do colchoeiro Atienza, un valladar na defensa, e o prometedor merengue Jose Luis Arroyo, pero xogou nos dous seguintes encontros. Nos laterais estaban o vigués Quini, hoxe no Porriño Industrial, e o culé Cristian Valle. Curiosamente, o comodín na zaga era Nacho Fernández, hoxe asentado no primeiro equipo merengue.

Xa na Fase Final do Torneo en Bélxica, España tivo mala fortuna no sorteo, e tres dos favoritos caeron no mesmo grupo, Alemaña, Francia, España, e tamén Ucraína. No outro estaban o locatario Bélxica, Inglaterra, Holanda e Islandia.

Nunha lista definitiva con algúns cambios, desta vez Rochela estaba acompañado na defensa polos propios Atienza e Nacho, ademais do central do Atlético Sergio Rodríguez, que con gran ímpetu acabou conseguindo a titularidade xunto a David, que xogou tódolos encontros. Nos laterais, desta vez eran convocados Moisés Jiménez, do Sevilla, e Alberto Morgado, do Alavés.

No debut, a pesar da fortaleza física dos franceses, impoñíanse os españois grazas ó bo xogo, e ó talento culé cos goles de lago Falqué e Fran Mérida. No segundo encontro, ante a selección ucraína, que eliminara a Italia na previa, España vencía 3-1 con tantos de Nacho Camacho, Falqué e Dani Aquino, case sentenciando a súa presencia en semifinais.

Aínda así, non se podían confiar, pois se na derradeira xornada, Alemaña, que se xogaba a vida, gañaba por varios goles, quedaban eliminados, pero Rochela, De Gea e compañía souberon conter as embestidas de Sukuta Patsu e un tal Toni Kroos para salvar un empate a 0-0 e clasificar a semifinais como primeiros de grupo, xunto a Francia. Do outro grupo, pasaron Inglaterra e o locatario Bélxica, por diante de Holanda e Islandia.

Nas semifinais tivo a selección española o clásico día malo que hai en todos os torneos. Ante a selección belga, á que curiosamente se lle gañara nun amistoso apenas uns meses antes por un contundente 1-6, xogaron moi mal, quedando ademais con dez para case toda a segunda parte por expulsión de Atienza, e por riba adiantábanse os belgas cun tanto dun tal Eden Hazard.

Pero Bojan rescatou ó equipo cun golazo dende fora da área a pouco do final. España aguantou a prórroga como puido, incluso os belgas anotaron dous tantos, ben anulados, pero tratándose do equipo da casa, destacar a personalidade do colexiado checo, Jan Jilek.

Incluso nos penaltis sufriu España que comezou por detrás tralo fallo inicial do xogador do Athletic Ander Vitoria. Despois acertáronse todos, incluído o cuarto de Rochela, e si Bélxica anotaba o quinto, clasificaba. Mándao Maurizio Aquino por alto. E tras dezaseis penaltis, para De Gea o lanzamento de Dimitri Daeseleire e España milagreiramente clasifica á gran final na que afrontaría a Inglaterra.

A final foi outra cousa, e pese a que a selección española se enfrontaba diante dun gran equipo inglés, con xente como Danny Welbeck e Victor Moses, gañou merecidamente cun tanto de Bojan Krkic no comezo do segundo período, que despois anotou outro mal anulado, que podía dar máis tranquilidade.

Fora un 13 de Maio, ás 19:26 ou 19:27, en que o colexiado serbio Dejan Filipovic pitou o final e Rochela e os seus 17 compañeiros quedaran Campións de Europa.

Aínda que ese sexa outro capítulo, meses máis tarde disputaron o Mundial Sub17 en Corea do Sur, ó que clasificaran por Europa, a propia España, Inglaterra, Francia, Bélxica, e Alemaña, que gañara o play off pola quinta praza a Holanda, e finalmente, liderados por Kroos, acadaran o bronce no torneo asiático.

Naquel Mundial Rochela xogou todos os partidos e minutos, e España gañou na Fase de Grupos a Honduras (4-2), Siria (2-1), empatando con Arxentina no derradeiro partido (1-1), nun encontro no que David exerceu de capitán.

En oitavos venceron con contundencia a Corea do Norte (3-0). Máis sufriron en cuartos de final ante Francia. Nun día moi caloroso os galos impuxeron o seu físico, e sorte que un tanto de Jordi Pablo igualou o marcador, e ó final puídose vencer nos penaltis 5-4.
Nas semifinais esperaba Ghana, campiona en 1991 e 1995, e verdugo de Brasil, nun partido moi sufrido no que España venceu cun gol de Bojan nos derradeiros minutos da prórroga.

Pero acabou sendo un día triste para o xogador catalán pois no derradeiro minuto foi expulsado ó ver o segundo cartón tras revirarse un pouco despois dunha entrada. O pobre foi zarandeado todo o encontro e ó final o expulsado foi el.

Moi mermado na final ante Nixeria, campión 1985, 1993, nese 2007, e posteriormente en 2013 e 2015, os rapaces aguantaron como puideron os 120 minutos, nun encontro no que por momentos a diferencia física era abismal. Aínda que na maior parte do encontro De Gea, Sergio, David e compañía defendéronse como gato panza arriba, non deixaron de ter as súas oportunidades.

Incluso casi marcou Sergio Rodríguez tras saque de córner nunha xogada mediado o primeiro período na que un defensa por inercia sacou coa man baixo paus, e que de habelo visto o colexiado o partido tomaría outro cariz, ou Iago Falque enviou un sensacional disparo dende uns 30 metros a cruceta faltando tres minutos para o remate da prórroga.

Pero nos penaltis non houbo nada que facer, fallaron Illarra, Mérida e Falqué, e España perdía a súa terceira final, tralas de 1991 e 2003, e sumaba a súa terceira prata, ademais dos dous bronces en 1997 e despois en 2009.

Como anécdota, destacar que o porteiro que parou os tres penaltis, Oladele Ajiboye, curiosamente logo pasou polo Pontevedra. E o máximo goleador do torneo fora Macauley Chrisantus, con 7 tantos, que xogara varios anos no Las Palmas, agora no Reus.

Daquela xeneración española do 1990 posteriormente destacaron, en maior ou menor medida, David De Gea, Bojan Krkic, Asier Illarramendi, Nacho Fernández, Nacho Camacho, Iago Falqué, Isma López, Fran Mérida, ou Diego Mariño.

Este sábado día 13 cumpríronse dez anos, e non quixemos desaproveitar a ocasión para recordar un fito histórico que non acontece tódolos días.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios