Denunciamos ante a fiscalía danos nunha mámoa da autovía

Cristina Arias [El Progreso] – Especial Terra Chá
Xosé María López preside a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes dende a súa fundación. Crítico coa ausencia de protección e sabedor da importancia de difundir o patrimonio, traballa xunto a 20 persoas na posta en valor do pasado pontés.


Durante o proceso que rematou coa destrución do círculo lítico da Mourela constituise a Plataforma. Como recorda aquel tempo?
Foron meses de moita actividade. Dende un principio tiñamos claro que o importante era que se escavara e se documentara completamente o xácigo prehistórico. Eramos conscientes de que as opcións á destrución eran mínimas, mais non tiramos a toalla e coa colaboración de diferentes técnicos elaboramos un estudo estimativo do custe de execución dun túnel como alternativa viable para a conservación da necrópole, que se ben nun primeiro intre foi apoiado públicamente pola Dirección Xeral de Patrimonio e numerosas institucións, non así o fixo a Consellería de Obras Públicas, que rexeitou considerar o proxecto.
Queda impotencia tras a loita?
Carraxe máis ben, porque todo o esforzo quedou na total pasividade da Xunta. Pero pesa máis o sentimento de telo intentado, así como a sensación de contar co poder da razón para tratar de evitar situacións similares, que máis cedo que tarde volverán acontecer.
Xosé María López Fernández.jpg
Fixeron moita forza e recolleron sinaturas en apoio do túnel. Que foi o que se perdeu nas Pontes?
Recollemos máis de 1.500, algunhas de institucións como o Museo do Pobo Galego ou a Real Academia Galega de Belas Artes. A nivel patrimonial, perdeuse un dos lugares arqueolóxicos fundamentais para entender a prehistoria do noroeste peninsular, entre outras razóns por ser o lugar onde se asentaba un dos poucos círculos líticos dos que se tiña constancia en Galicia. Por outra banda, o que se perdeu foi unha oportunidade histórica de conxugar a construción de infraestruturas co desenvolvemento social, económico e medioambiental.
Faltou apoio político a nivel local?
O malo de certos políticos é que non son quen de ver máis alá dos votos. O goberno municipal apoiaba o proxecto da autovía e entendeu a defensa da Mourela como un ataque contra eles. Todos tiñan algo que lles facía gardar silencio. O PP foi quen deseñou o trazado, o PSdG era o responsable da obra, o BNG necesitaba a terra da Mourela para a ampliación dos Airíos e Amigos das Pontes tiña moito que calar logo de ser responsable nos 90 da destrución do círculo lítico menor e dúas mámoas.
Felipe Arias, responsable de Patrimonio daquela, defendeu que todo se fixera «polo libro», unha vez escavado e documentado. É coñecedor desa información?
Non. Foi algo que se publicou na prensa con interese de minusvalorar o que alí había. Seica o señor Arias dixo que o resultado da escavación era moi interesante. Supoño que o informe estará nun caixón, lonxe do público, co oscurantismo que adoita envolver todo o relacionado coas escavacións arqueolóxicas en Galicia. Non dubido que para o señor Arias «ir polo libro» sexa fender unha necrópole prehistórica pola metade e logo decir que non pasou nada, porque todo está documentado.
Unha das críticas posteriores foi a acumulación de pezas sen catalogar na estación. Quen é o responsable dese material?
O custodio do material neste momento é o goberno local. As nosas recomendacións centráronse na necesidade de darlle unha almacenaxe axeitada e hoxe temos constancia de que se atopan en condicións de seguridade. Aínda así cómpre unha intervención urxente co fin de catalogar os materiais, así como unha planificación de cal vai ser o seu uso ou almacenaxe definitiva.
Os problemas coa autovía parece que non acabaron e denunciaron danos nunha mámoa do noiro.
Dende que se decretou o levantamento da cautela arqueológica sobre os restos do círculo lítico, continuamos a facer un seguemento exhaustivo das obras de consolidación dos noiros que se levaron a cabo no entorno das mámoas. Nun principio Patrimonio estableceu medidas encamiñadas a protexer os elementos arqueolóxicos, o seu balizamento, a restricción de obrar nun radio de 50 metros arredor deles… Medidas que en ningún momento se chegaron a facer efectivas e que supuxeron unha nova destrución no lugar. Hai un par de semanas un veciño alertábanos de que unha máquina estaba traballando enriba dunha mámoa. Efectivamente a escavadora destrozou máis de tres metros de tumulación e acumulou refugallo enriba do elemento catalogado.
Afirmaron que habería unha denuncia ante a Fiscalía. Fíxose?
A día de hoxe o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil está a investigar o acontecido. E a semana pasada envióuselles sendos informes á Fiscalía e a Patrimonio, nos que se lles solicita a paralización das obras nas inmediacións do elemento afectado, co obxectivo de facilitar a apertura de dilixencias para esclarecer os feitos e valorar a magnitude dos danos; así como a restitución do túmulo e a sinalización por medio de balizas das áreas de protección arqueolóxica das tres mámoas que aínda permanecen na Mourela.
Denunciaron posibles danos dunha empresa eólica no círculo lítico do Bidueiral, no Freixo. Que pasou?
Neste caso, por sorte, as obras non chegaron a ter afección negativa para o elemento. É unha mágoa que dada a exclusividade deste elemento no noso territorio, este non conte cunha protección especial.
Nun pleno falouse de crear unha comisión de patrimonio local. Considérao unha boa medida?
É un discurso político con idea propagandística pero sen o respaldo do convencemento. Para traballar polo patrimonio cultural hai que deixar de lado o resto dos intereses, tanto persoais como de partido, e desgraciadamente os nosos políticos non teñen ese perfil. Aínda así, todo o que sexa pór en marcha mecanismos de impulso de políticas públicas para o fomento e promoción do patrimonio cultural é positivo.
Que sacaron en claro das primeiras Xornadas Mouras?
Que temos un patrimonio cultural único e irrepetible. Non só os restos arqueolóxicos, senón tamén a etnografía e o patrimonio inmaterial. E que fai falla un compromiso político claro.
A xente interésase?
A nivel local cada vez máis e é de subliñar a enorme actividade que se produciu nos últimos anos dende o asociacionismo neste eido. Dende a Plataforma cremos que a difusión e a defensa son dúas ferramentas complementarias da xestión. Non podemos defender, sen saber o que hai, nin podemos ensinar sen coñecer. E como
todo proceso de aprendizaje require esforzo, tempo e medios, non estaría de máis que dende as administracións se preocupasen máis.
Cal é o valor patrimonial das Pontes?
Durante a explotación da mina destruíronse parroquias enteiras coa consecuente destrucción de todo tipo de elementos patrimoniais, dende as milenarias mámoas e castros, ata ermidas, cruceiros e cabazos. Aínda así, contamos cun elevado número de elementos arqueolóxicos. As parroquias emprazadas no norte, agás polos parques eólicos, seguen mantendo os mesmos valores paisaxísticos e medioambientais que antes. A concentración de túmulos aquí é excepcional. O que é necesario é un proxecto serio que permita pór en valor estes espazos, que contemple dende a sinalización, ata a creación dun centro de interpretación.
DE PRETO
De onde lle vén o interese pola arqueoloxía?

Dende sempre chamoume a atención todo o relacionado coa historia dos lugares e as persoas que os habitaron. Tamén meu pai tivo moito que ver, pois dende neno
medrei a carón dos apeiros e ferramentas que restauraba para o museo de Monte Caxado. Pero o meu paso polo Laboratorio de Investigacións Arqueolóxicas das
Pontes, foi o feito que máis contribuiu a elevar o meu interese e preocupación polo patrimonio.

O seu lugar favorito das Pontes?

Coido que un dos elementos paisaxísticos de maior beleza é a fervenza de Somede.
Que recomendaría visitar?
Sen dúbida o Coto do Castro, a necrópole de Cheiván e o círculo lítico do Bidueiral. Son lugares que non están sinalizados, polo que se non se coñecen, o máis probable é non os atopar.

Se puidera viaxar ó pasado, que lle gustaría poder ver?

Gustaríame poder coñecer aos meus antepasados. Hoxe só teño unha imaxe dos meus bisavós.
Viu a destrución do círculo?
Si, detrás do meu aparato de fotos. Ás veces algunhas cousas é mellor velas con filtro.
Colle a autovía?
Si, practicamente tódalas semanas. Nós en ningún momento nos opuxemos a ela. Era necesaria, mais non a costa da destrucción gratuita do patrimonio.

También podría gustarte
Comentarios