Euroeume adxudica a Proxectos o estudo para a posta en valor do comercio polo miúdo

O proceso de concurso público licitado por Euroeume para levar a cabo un “Estudo para a posta en valor do Comercio polo Miúdo” nos concellos territorio, rematou coa selección da empresa Proxectos, S.L.. A sinatura do contrato, cunha dotación de 15.000 € con cargo aos fondos da Iniciativa Comunitaria Leader +, realizouse na tarde de onte, luns 14 de novembro, nas oficinas da Asociación Euroeume.


O estudo deberá aportar propostas de actuación viables para tratar de dar pulo ó sector do comercio polo miúdo. Trátase dun plan de impulso e de actuación para o Comercio Local, concebido como un sistema de xestión, práctico, realista e trasladable a actuacións concretas viables para a mellora dos servizos de proximidade dos concellos vinculados a este programa de desenvolvemento.
O estudo constará de dous apartados; unha primeira na que se realizará unha DIAGNOSE da situación do comercio na zona de actuación, e da influencia de establecementos externos, concretando os seus puntos febles e fortes, así como as amenazas e oportunidades que presenta o mercado. Esta diagnose comprenderá a análise detallada da situación do comercio local polo miúdo do territorio que abrangue EuroEume: en canto a tipos de comercios, distribución xeográfica, a evolución no tempo e no espazo, etc, así coma outros elementos relativos ó aspecto humano, e calquera outros indicadores que podan resultar de interese para trazar unha liña de actuación no campo do comercio local.
A segunda parte do estudo implica realizar unhas PROPOSTAS DE VALORIZACIÓN a partir da diagnose elaborada. Trátase de propoñer diferentes tipos de actuacións para darlle un impulso ó sector do Comercio Local polo Miúdo. Estas actuacións deberán situarse na liña da situación real do sector, en canto ás necesidades do mesmo, e das posibilidades de implementación das actuacións, en canto a que sexa posible levalas á práctica.
A necesidade deste estudo xustifícase pola importancia deste sector dentro da economía local, así como polos últimos cambios sufridos nas estruturas destas empresas, dado a aparición de novas formas de competencia.
Proxectos é unha consultora galega, con sede en Ferrol, que ten unha ampla experiencia nos ámbitos do estudo do comercio polo miúdo, e da dinamización comercial.

También podría gustarte
Comentarios