Amigus
As Pontes

FALAMOS CON MODESTO BARRO ROCHELA. Por Xose Ferreiro.

modesto_1.jpgHai unhas semanas, antes de rematar o 2011, coñecíamos a feliz nova do triunfo dun pontés na Mylaps Superliga de Atletismo, da firma Championchipnorte, unha especie de Campionato Galego de Carreiras Populares que discorre por toda a xeografía autonómica, na que gaña o que máis puntos obtén unha vez rematadas todas as probas e na que participaron máis de 1300 corredores. Modesto superou os 7700 puntos aventaxando en máis de 500 ó segundo clasificado e en máis de 1300 ó terceiro.
Desde Amigus quixemos poñernos en contacto con este sacrificado deportista do Clube Atletismo Olympo, nacido no desaparecido lugar de Ribeirón hai 46 anos, e Modesto atendeunos moi amablemente.
– Hola Modesto, antes de nada, darche a noraboa, e permíteme unha pregunta persoal, lamentando a miña profunda indiscrección. Por curiosidade, ¿tes algún tipo de parentesco cos Rochela futbolistas?
Gracias! Pois sí, somos primos lonxanos, anque eu non os coñezo persoalmente.
– Vaia, compartides xenes de calidade deportiva (risas), un campión de fútbol e o outro campión galego de atletismo, entre outras cousas, anque che teño que dicir que a a calidade deportiva dos teus primos é infima en comparación coa súa calidade persoal. ¿Segues as súas traxectorias? ¿Que sentiches cando David quedou Campión de Europa e Subcampión do Mundo?
Teño que recoñecer que non os sigo moito, porque me gusta ver partidos de fútbol, pero non son forofo de ningún equipo en concreto, anque por suposto alegranme os triunfos dos equipos galegos e españois. Pero sinceramente alegreime moito por él, porque é de As Pontes e ademáis meu parente, co cal xa te podes imaxinar. Tamén sentín certa envexa porque son logros ó alcance de moi pouca xente, e a todos nos gustaría vernos na cresta da ola nalgún momento das nosas vidas. É moi gratificante ver como xente cercana a ti alcanza o triunfo porque che sirve de motivación e referente.
– Non che conto a alegría que tiven cando David quedou Campión de Europa, e iso que non me une ningún tipo de parentesco (risas). Sen ánimo de meterte nun apuro, preséntate a grandes rasgos, para os iniciados.
Pois chámome Modesto Barro Rochela, e son o quinto de dez irmáns, das que seis son mulleres e catro homes. Nacín en xaneiro de 1965 no lugar de Ribeirón, unha pequena aldea de As Pontes que foi absorvida pola mina e agora afogada polo lago. Actualmente traballo e adestro en As Pontes e vivo no Concello de Neda.


– Con respecto ó lugar de Ribeirón, ¿que recordos tes da túa infancia alí?
Pois pasei unha infancia moi feliz alí, recordo sobre todo as largas tardes de verán, facendo excursións en bicicleta cos meus amigos e algunha que outra incursión na mina que estaba comezando, xogando ó fútbol, e algunha que outra trasnada. Tamén boto de menos os traballos agrícolas nos que se xuntaban todos os veciños dos arredores, prantar ou recoller patacas, recoller a herba seca para o inverno, o millo, esfollar as espigas de millo o pé da lareira oíndo os contos dos maiores. Faloche de cando era un cativiño, co cal traballaba pouco e enredaba moito.
– (Risas) ¿En que consiste básicamente a Mylaps Superliga que ves de gañar?
Trátase dunha liga de carreiras populares que abarca as catro provincias galegas, ten un ano natural de duración, e é gañada polo atleta que consigue máis e mellores resultados.
– ¿Qué supuxo para ti gañar esta proba?
Gañar a Liga supuxome superar un pequeno reto persoal que me propuxen en Febreiro/Marzo do 2011, cando me vin por primeira vez líder da mesma.
– Imaxinome que competirías en moitas e variopintas carreiras, ¿cal foi a máis peliaguda?
A media maratón de Ferreirúa en Pobra de Brollón. Xa de por sí son 21 kilómetros exixentes, e fixen a última parte da proba con fortes dores no xeonllo dereito. Ainda así, conseguín subir o pódio.
– ¿A de maior insatisfacción persoal?
A media maratón Vigo-Baiona, pois esperaba ser capaz de facer un mellor tempo.
– ¿A máis chamativa?
A milla nocturna da Pobra do Caramiñal, pois o recorrido estaba iluminado por fachos de lume que suxetaban as persoas voluntarias. Tamén teño que nomear a San Silvestre Pontesa, que como sabes foi unha carreira na que os corredores íamos disfrazados. Foi divertidísima.
modesto_2.jpg
– ¿A proba na que cruzaches a meta máis contento?
Os 10 Kilómetros de Porriño, aínda que non subín o podio saeume unha carreira rapidísima.
– ¿Cantos kilómetros adestras á semana?
Entre 50 e 80. Pero cando me preparo para unha maratón teño pasado dos 100.
– ¿Cantas carreiras chegas a acumular en un ano máis ou menos?
Normalmente corro entre 15 e 20 carreiras, anque no 2011 participei en máis de 60.
– ¿Cal é a tua distancia favorita?
Sen dúbida o maratón, porque chego a experimentar unha mezcla de sufrimento-pracer-ansiedade que me resulta moi satisfactorio poder dominar.
– Sen que che soe mal, con máis de corenta anos, correndo tantas carreiras, adestrando tantos kilómetros, co tempazo que temos aquí, que todo hai que dicilo (risas). ¿Que é o que che leva a facer todo isto?, que por outra parte é realmente admirable.
Este ano foi unha locura, pero todo era motivado co fin de acadar ese desafío persoal. Adestro moito porque me sinto moi ben, forma parte da miña vida e realmente para min xa é case unha necesidade saír a trotar.
– Entereime de que comezaches a competir non hai moitos anos ¿Cal foi o motivo da túa actual gran afección? e ¿non che da algo de pena non haber comezado antes co moito que disfrutas?
Pois participei no 2004 na carreira de San Xosé aquí en As Pontes e enganchoume rápidamente. Para min correr significa liberdade. Non penso no que puiden facer, ilusionome con proxectos futuros.
– Cando eras máis novo, a nivel escolar, ou xa en idade adulta, ¿practicabas ou tiñas afección a algún outro deporte?
Sempre me gustaron as actividades ó aire libre, pero nunca fixen deporte dunha forma guiada ou constante. Xoguei a fútbol, fútbol sala, baloncesto, pero todo era cos amigos para divertirme. De todolos xeitos, nunca me sentín especialmente dotado para ningún deporte.
– ¿Que che aporta o feito de correr para que o practiques tanto?
Relaxación, benestar, disciplina, autocontrol e un puntiño de adrenalina cando compito.
– ¿Ata cando?, ¿ata que o corpo aguante?
Creo que sí (risas).
modesto_3.jpg
– Despois deste brillante 2011, neste 2012, ¿que agardas?
Pois espero mellorar a miña marca en maratón, e iniciarme no ultrafondo, que son as distancias máis aló dos 42 kilómetros e 195 metros, que é a distancia natural do maratón.
– ¿Os teus mellores valores como atleta?
Pois creo que son a forza de vontade e a capacidade de automotivación.
– Aparte do adestramento, ¿coidas moito o teu corpo?
Sigo normas básicas como non abusar das graxas nin dos doces, e priorizar o consumo de froitas, verduras e peixe. Eu como moito, pero sempre seguindo unha certa “hixiene alimentaria”, e por suposto doume unha homenaxe de cando en vez (risas). Encantanme os postres caseiros, os chocolates, etc … pero evidentemente non os tomo de forma habitual. Tamén teño certa tendencia a sufrir anemia, así que consumo un polivitamínico, e cando mo receta o médico, un suplemento de ferro.
– ¿Admiras a traxectoria dalgún atleta ou deportista en xeral?
Pois sí, admiro a Chema Martínez como atleta profesional, pero tamén a todos os atletas populares que día a día sacan tempo para adestrar e competir, e tamén incluso lle van metendo o gusanillo ós seus fillos.
modesto_4.jpg– Agora que, como me comenta a gran Susana, no Olympo estades en campaña de captación de corredores, para este ano e para un futuro, ¿un reclamo para que os ponteses se apunten a correr con vos ou a facer calquer outro tipo de actividade física en xeral?
Pois eu diría o que todo o mundo sabe, que é unha actividade moi saudable, fácil, barata, moito máis divertida do que parece porque podes correr só, en grupo, con música, por asfalto, polo monte, disfrutas de paraxes incribles, coñeces un montón de xente nas carreiras, compartes experiencias e moi bo ambiente, viaxas, etc. Podería seguir porque ten moitas cousas positivas, todo son cousas positivas, e o Clube Olympo recibe cos brazos abertos a calquera que se queira unir a nós, sexa novo ou non tan novo (risas).
– Si te tiveras que quedar con algunha cualidade dos teus compañeiros de equipo.
Quédome coa súa amizade. Creo que formar parte do Clube me permite disfrutar e aprender con eles, enriquecenme a nivel deportivo e persoal.
– Iache preguntar por outro tipo de divertimentos ó marxe do deporte, pero entre o traballo e o moito que corres me imaxino que non disporás de moito tempo ¿non? (risas).
(Risas) Algo hai, pero o típico, viaxar, ler, ir ó cine, etc.
– ¿Gustaríache engadir algo máis?
Pois si, si mo permites.
– Por suposto, adiante.
Non podo deixar pasar esta oportunidade que me brindas sen falar das dúas persoas máis importantes na miña vida: Candelaria e Rocío. Candelaria é a miña nai, e con iso xa o digo todo. Tan so un detalle, aínda agora, cando estou a punto de cumprir 47 anos, e tendo ela certas limitacións pola idade e pola saúde, segue a cociñarme todos os días a comida que eu lle pido, a pesar de que a ela non lle gustan a maioría dos peixes que eu como. Rocío é a miña parella, e quen me acompaña a maioría das carreiras. Ela tamén corre, pero eu sei que o fai por min, pois non ten metido este gusanillo no corpo tanto coma min, ademáis permíteme escaquearme dalgunhas obrigacións domésticas para que eu poida disfrutar desta actividade. Por riba de todo Rocío é quen aguanta os meus cambios de humor cando me lesiono e non podo saír a correr. Por todo iso e por moitas outras cousas máis quérolles dar as grazas públicamente e mandarlles un bico.
– Merecido para elas, pois moitas gracias Modesto, ogallá que si eu chego á túa idade poida rezumar tanta vitalidade e enerxía como amosas ti.
Moitas gracias a ti, e a Susana Castro, que sei que tamén tivo moito que ver nesta entrevista.
– Pois si, algo tivo que ver, si (risas), e sendo ela un referente deportivo pontés e experta na materia creo que quedaría moito mellor a entrevista se a fixera ela, pero bueno, agardo que non me quedara moi mal (risas).
Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios