Fernando Blanco: ”É imposible desmantelar Ence en 2011, non daría tempo a ter outra planta operativa”
[El Progreso] O conselleiro de Industria e Innovación, Fernando Blanco, augura que a planta de Ence en Pontevedra non poderá ser desmantelada no ano 2011, data na que finaliza a licenza ambiental prorrogada recentemente pola Xunta e defendida ata agora polo Goberno galego para iniciar o desmantelamento.
Así, ao ser preguntado por un posible traslado da pasteira en 2011 contesta cun ”non” rotundo, evitando dar novos prazos. Considera que ”sería prodixioso obter antes de dous anos os permisos do Ministerio de Medio Ambiente” para trasladar Ence a unha nova planta asentada noutro punto da xeografía galega. Ao seu xuízo, ”o obxectivo é que cando unha factoría peche, a outra estea en funcionamento” para evitar un impacto negativo nos mercados.
Sobre a iniciativa empresarial para impulsar o traslado da factoría de Ence a outro punto da xeografía de Galicia, Blanco considera que ”é unha alternativa solvente”. Outra cousa é que saia adiante: “xa veremos como se concreta”, matizou. Ademais, o conselleiro asegura taxativamente que a propia empresa está moi interesada neste proxecto de traslado.