Graduado en secundaria: xa témo-las datas da matrícula e dos exames
[RTVi-As Pontes] O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das
probas libres para obte-lo graduado en educación secundaria. Os exames vanse
celebra-o vindeiro día 9 de xuño no Centro de Educación para Adultos de
Caranza, no Ferrol.
O periodo para matricularse nestas probas é o comprendido entre o 20 e o 28
deste mes no mesmo centro, situado na rúa Luís Requeséns sen número.
A documentación que deberán achega-los interesados en presentarse ás probas
é a seguinte: unha copia do carné de identidade, unha certificación
académica dos estudios cursados se é que os teñen e un modelo de instancia
que se pode recoller no Servicio de Atención Inmediata, na pranta baixa do
concello.
Neste sentido, cómpre sinalar que tamén no SAI se pode esta a disposición
dos interesados un manual informativo sobre as probas para a obtención do
graduado en educación secundaria.
Os exames, que se realizarán o 9 de xuño e tamén o 9 de setembro, só poderán
presentarse as persoas que tivesen feitos os dezaoito anos antes do 1 de
xaneiro deste ano.
Os exames están estructurados en tres grupos, un lingüístico, outro
tecnolóxico matemático e por último, o de ciencias sociais.
Para obte-lo título de graduado en educación secundaria deberanse aprobar os
tres grupos. Así e todo, quen suspenda algún dos grupos só terá que preparar
para a seguinte convocatoria á que se presente as materias correspondentes a
ese grupo que suspendese, xa que o aprobado dos outros dous non se perde.
No manual informativo ó respecto destas probas editado pola consellería de
educación, aparecen recollidas as materias que entran en cada grupo. Así, no
grupo lingüistico haberá probas de língua galega, lingua castelá, literatura
e língua estranxeira. No segundo grupo, o de ciencias sociais, hai probas de
xeografía, historia, música e arte. Por último, no grupo científico
tecnolóxico, entran materias relacionadas coas matemáticas, a tecnoloxía e
as ciencias da natureza.
Lembrámoslles que o prazo de matrícula estará aberto do 20 ó 28 de maio no
centro EPA de Caranza, no Ferrol. Tamén alí é onde se van desenvolve-las
probas, concretamente o 9 de xuño. Para a convocatoria de setembro o prazo
de matrícula será entre o 1 e o 3 dese mesmo mes e as probas realizaranse o
día 9.
Tanto en xuño coma en setembro os exames celebraránse en xornada de mañá e
de tarde. Pola mañá, entre as nove e media e as doce e media haberá as
probas do grupo científico-tecnolóxico; das 12´30 ás dúas da tarde as do
grupo de ciencias sociais e, xa pola tarde entre as catro e as oito menos
cuarto realizaranse as probas do grupo lingüístico.
Todos estes aspectos poden consultalos e amplialos no DOG de hoxe, 13 de
maio, do que tamén teñen unha copia á súa disposición no Servicio de
Atención Inmediata.
SERVICIO DE NOTICIAS DE RTVi-AS PONTES
aspontes.org
prensa@aspontes.org
981 45 31 89
981 45 31 90 (fax)