Historia III – Historia apócrifa.

Levo moito tempo recollendo datos sobre dos Celtas coa intención de facer unha páxina entretida, doada de ler, pero sen caer no “chabacanismo” e respetando ós técnicos da paleontoloxía, que para eso saben do conto moito mais ca min, e despois de ler uns cantos livros e visitar moitísimas paxinas ueb, vexo moita xente que ten feito uns traballos fermosísimos, ás veces, outras nin tan siquer merecen ser mentadas, que me convencen para que eu non meta a pata ata as cóxegas.


Como de todo ten que haber neste mundo, hai quen di que a parte mais comprometida da historia é a de falar dos Celtas. Se queredes afondar un pouquiño e queredes achegarvos a recoller información, de seguro que ides atopar unhas cantas teorías, moi afastadas unhas das outras -tanto no concepto, como dicía Manquiña- coma no tempo; pero no que sí cadran a maioría deles é en dicir que cando chegaron a península ibérica atopárona habitada por un pobo ó que chamaron Oestrimnios, segundo recollo do dito polo arqueólogo e historiador D. Florentino Cuevillas.
Os Oestrimnios foron (aquí haberá que ter coidado de como se lle chame ó feito ocorrido: non sei se teño que dicir conquista, porque parece ser que os Celtas Sefes -que foron os que ocuparon Galicia e Portugal, non chegaron invadindo no concepto que ten en sí esta verba, senón que chegaban, integraban, asimilaban, sumaban… a súa cultura coa dos pobos que atopaban no camiño que percorrían.
Débese ter en conta tamén o feito de que os Celtas non escrebian a súa historia senón que contábana de xeración a xeración, porque os druídas tíñano prohibido -fixádevos como xa había pillastres que sabían moi ben que se a cultura chegaba ó pobo pouco lles duraría o choio, e como daquela non tiñan fúbol “educaban” á xente co medo da superstición e da maxia, cousa moi metida no corpo aínda hoxe en día-, pois ben, como os Celtas non deixaron escrito nada deles, pérdese o seu recordo a prol do pobo que chegou detrás deles e que estes si xa tiñan a vantaxe de deixala gravada (e gravaron a súa e a de aqueles que lles conviña) como foi a dos Celtas e anteriores.
Pero, deixádeme voltar enriba, denantes de seguir coa historia gustaríame puntualizar un pouquiño mais -por aquilo de non deixar moitas regañas aos espíritos inquedos da pelexa verborrea, que de seguro vai haber cantidade e calidade.
Atopei estudiosos do tema que din sobre dos Celtas que o atranco mais forte para saber cando e de onde xurdiron como tais, qué se pode entender como cultura ou raza (sendo este o termo de mais discusión), ou ben unha “derivación” ou “evolución” doutro/a pobo/cultura mais antigo/a. Coincido que non se debe falar dunha raza celta, senón dun numero de pobos diversos, de diferentes orixes que comparten certas características comúns nunha forma de vida que é o que permite considerar ó pobo celta, que non fan unha tribo única, senón un pobo feito de grupos ben diferenciados. Como xa dixen antes, a cancela está no feito de que teremos que deducilo dos romanos e dos gregos, que foron quen deixaron algo por escrito.
Algún licenciado tamén di que se debe rexeitar (ou polo menos puntualizar), o xeito de ver ós celtas como a un pobo -outros dirían nación- como a un conxunto pechado, cunha lingüística propia e doadamente boa de diferenciar entre os seus veciños, polo conxunto de costumes ou crenzas.
“As discusións sobre dos Celtas foi desenterrada polos humanistas do renacemento na súa recuperación do mundo grecolatino, nun momento no que se comezaba o proceso formador dos estados nacionais. Trala crise destes estados, na primeira metade do século XX, cóllese conciencia dos desastres a que os levou o racismo cultural levado á política, polo que as pescudas sobre os indoeuropeos caen de súpeto ata ben entrados os anos 60, nos que o empirismo e a metodoloxía propicia que se multipliquen as cavacións arqueolóxicas…”, esta é a visión de L. Felipe Gragera, licenciado en historia pola universidade de Estremadura, que dende logo fai unha introducción moito mais longa, que non procede reflectir por enteiro.
Particularmente coincido na teoría de que a chegada dos indoeuropeos veu amodiño pero sen deterse, asentando primeiro na vertente sur dos perineos ¿quizais parte das Vascongadas e Navarra?, de onde comezarían a espallarse, mesturándose cos indíxenas que ian atopando camiño do cantábrico adiante.
Como consecuencia desas fusións chegouse ó que foi cumio da cultura celta, dito dun xeito menos ortodoxo: o movemento desas xentes foi algo así coma o efecto das fichas do dominó, uns empurrando ós outros ao mesmo tempo que fundíanse con eles nacendo así novos grupos con anovadas características, pero quedando fortes raizames da súa orixe. O feito de que nalgunhas franxas do seu percorrido se poda atopar unha raizame mas forte ca noutras debese a que precisamente nesas terras eran mais escasos os asentamentos orixinais e a que a súa evolución estaba por debaixo dos que chegaban.
Agora debo voltar ós romanos, xa que a eles téñome que referir porque é onde mais fontes imos atopar para descubrir cousas dos Celtas. Todo aquel que queira saber cousas desta historia non lle vai quedar mais remedio que ler a Estrabon, a Floro, a Orosio por boca do livro 35 das décadas de Tito Livio, a Dión Casio, etc, etc, etc. Pero tendo moi en conta que moito do escrito fíxose en Roma, non “In situ”, polo que algunhas veces atoparanse dúbidas ao situar a mesma cousa en diferentes sitios, dependendo de quen a escrebese. Tamén se terá en conta que ás veces un mesmo lugar, feito ou situación chámaselle de diferente maneira ¿erro nas transcricións dos escritos? Ou descoñecemento dos lugares dos que se está a contar!
Se antes os Oestrimnios foron desaparecidos polos celtas Sefes (pobo que posuía como tótem unha serpe), e con eles chega a cultura das furnas de Vienden-Bennghardt (unha póla das urnenfelder), mais adiante, coa tribo dos Paledons, chegaría a dos Castros.
Pero… aí tiveron que parar. Cando mais entretidos estaban erguendo antas e castros un bruído paseniño no comezo, pero que vai soando mais e mais forte cada vez, fai que os castrexos levanten o espiñazo para ollar como unha nova ¿civilización? Chega pola súa dereita, e non veñen para integrarse, veñen asoballando. Son as caligas romanas que protexidas por unhas fortes máquinas de guerra chegan sometendo homes, aldeas, terras… As lexións de Roma entran no noroeste o ano 137 a. C. encabezadas por Décimo Xuño Bruto, procónsul da españa ulterior.
Pero non todo foi doado, nesta nova terra atópanse cunha xente que ten un xeito de pelexar diferente, semellante ó que antes atoparan na Galia e no norte de Italia. Atoparon un xenreiro pelexar que non tiña diferencia entre homes e mulleres, con espadas e aturuxos tal que recen chegados de Hallstat, guerreiros nus, cubertos tan só por un cinto e un torques, protexéndose cun escudo de madeira, algúns levan ademais da caetra o particular casco La Tène. Tropezan tamén co mesmo símbolo de sempre: o trisquel e a esvástica, que non son mais que a representación do culto ao sol: símbolo común a todolos pobos céltigos.
Para o procónsul Bruto foron “gens bellicosissima”. ¿Home, que ademais de ter que darlles as castañas, aviamos de dárlle-las cocidas tamén, ou? Augusto consegue domear Gallaecia en dúas etapas e despois de cen anos de loitas feroces no ano 25 a. C. Despois desta invasión o territorio partiuse en dous, un deles sería chamado: Gallaecia Bracarense.
A segunda conquista fora dirixida por Xullo César no ano 61 a.C., nomeado pretor e que andaba a percura de novas acampadas que ergueran a súa sona militar, para iso recorre ás deportacións e asasinatos inxentes (ou sexa, o que hoxe chamamos xenocidio).
Despois disto e por se aínda non tiveran abondo, viñeron outros pobos a configurar o pobo galego: Suevos, Visigodos, Árabes, Normandos, Sarracenos… e xa un pouquiño mais para adiante, ou sexa: mais preto de nos, os reinos leonés e castelán. ¿Botádesvos a adiviñar quen van ser os últimos? Vendo todo o que aconteceu, de seguro que aínda han de vir mais!
Os Celtas tiñan unha economía pechada, pastoril e gandeira; coñecían o ouro que usaban para alfaias, botóns e fibillas que levaban facendo equipamento persoal xunto co casco e mailo torques que era o que diferenciaba ó guerreiro.
No mundo celta a maxia tiña fonda raizame e atopábase na vida cotiá, así como a propia natureza, especialmente as arbores que eran para eles espíritos especiais aos que levar ofrendas para face-la consulta do día. Non se construían edificacións para o culto xa que o templo mesmo eran as fragas e carballeiras. Os seus rituais baseábanse na sucesión dos ritmos naturais que se marcaban polas sementeiras e colleitas, que a súa vez se rexían polos equinoccios e solsticios. Os días contaban a partires da noite e o ano repartíase en trece lúas, cada unha desas trece divisións repartíanse en dous tempos que marcaban o crecemento e maila minguante.
Pola súa estructura social, baseada nos Clans e que non tiñan concepto do que significaba unha nación, foi polo que os romanos e xermanos puideron reducilos doadamente. Cousa que ben os puido haber levado á súa desaparición. Pero foi iso precisamente, o manterse mais aló da dominación tribal có que conseguen manter a súa cultura de xeito illado pero sen perder a súa identidade, quedando súas costumes protexidas das influencias alleas por mor dos fortes vencellos, onde o Clan estaba por riba de toda organización estatal.
Por esa mesma razón é pola que o mundo celta fai parte de distintos estados e non dun só, e ata falen distintas linguas, pero teñen unha raizame común, tan forte que ningunha ideoloxía puido cambiar a súa filosofía.
Claro que os tempos de hoxe en día corren moito mais de presa ca en ningunha época anterior, a globalización capitalista non ten barreiras e agora mesmo o tempo vai a prol dela, poderá? ¡Xa me gustaría a min poder velo!
Do legado que nos deixaron as xentes de aqueles tempos podemos disfrutar cos bos exemplos do megalitismo, para ir coñecendo un poco mais a nosa historia, aqui atoparedes os camiños que vos levarán ó mundo das antas.
Cercos Líticos ou Crómlechs, Dolmens e Menhires.
Os modernos métodos de datación coma o Carbono 14, a Dendrocronoloxía, ou a Termoluminiscencia permitiron que cronoloxicamente podamos situa-lo fenómeno megalítico galego entre os 4.200 e 2.000 a.C., polo tanto nunha etapa que comprende dende o neolítico ata o calcolítico final. O análise do “paleosuelo” que se pode estudiar nunha excavación permite o coñecemento de diversos aspectos da vexetación da época na que foron construídos os megalitos.
Cercos líticos:
O Freixo: As Pontes (A Coruña). Pequeno cerco lítico de difícil atribución cronolóxica. Medía 9,50 m de diámetro e estaba feito con pedras de seixo sen labrar, que acadaban unha altura duns corenta centímetros. Estaba sito nun lugar elevado dende o que se podía controlar un amplo espacio.
Cerco Lítico da Mourela: (As Pontes, A Coruña), (Desaparecido).
A súa presencia na Galiza é practicamente inexistente. O arqueólogo Federico Maciñeira deu a coñecer no l894 dous cercos que había na Mourela, destruídos uns anos despois para aproveita-los para facer o firme dunha estrada. O maior deles tiña un diámetro de 20,5 m estando feito por pedras pequenas cuxa altura ía dos 30 ós 60 cm. A súa porta de entrada, de cara ó sueste, estaba flanqueada por dos bloques de seixo, de case un metro de altura.

AMourela01.jpg
AMourela02.jpg
AMourela03.jpg

Prao das Chantas: O Valadouro (Lugo). Cerco lítico localizado nos montes de Penido, formado por un aliñamento dunhas 250 pedras fincadas, que mide no seu eixo Norte-Sur 79 m de diámetro e 101 de Oeste a Este. Foi descuberto no l994. Nas súas inmediacións atópase o dolmen de Santo Tomé. Pódese afirmar que non pertence cronoloxicamente á época na que se desenrola en Galicia o fenómeno megalítico, pero como na nosa Comunidade case que non hai deste tipo de monumentos faise axeitado reflectilo.
Menhires:
Son pedras fincadas de difícil atribución cronolóxica, do Neolítico final e primeiras etapas do Calcolítico, fases nas que se desenrolou o fenómeno que coñecemos como Megalitismo, cunha función ritual descoñecida para nós. Ata a o día de hoxe só dous parecen ser auténticos: a Lapa de Gargantáns en Moraña (Pontevedra) e a Pedrafita de Cristal en Ribeira ( A Coruña). Para establece-la súa antigüidade o mellor é comprobar se están en relación cos dolmens, xa que en moitas ocasións non pasan de ser sinxelas pedras para marcar lindeiros ou cruces de camiños, aínda que ben puideran ser erguidas en épocas moi remotas.
Dolmens:
A pesares da intensa destrucción á que estiveron sometidos, poden contarse nuns 10.000 os túmulos da xeografía galega. Non só estiveron expostos ás violacións clandestinas na percura de tesouros, senón que tamén foron víctimas do aproveitamento agrícola, e tamén que se houberan usado as pedras para outras construccións, senón que tamén as propias autoridades concederon a comezos do século XVII, unha cédula real a favor do licenciado Vázquez de Orjas, permitíndolle cavar nas tumbas dos “xentís galigrecos” na percura de ouro, o que motivou que os labregos abrisen mais de 3.000 túmulos.
Son os mais abondosos e importantes e teñen un carácter funerario, pois son lugares de enterramento colectivo, aínda que o acido do chan galego non deixara que chegaran ata nos restos de osos. Compren ademais doutras funcións non menos importantes, como marcadores dun certo territorio que da singularidade á comunidade ou a colectividade que os levantou, polo que moitas ocasións sitúanse en lugares altos ou achegados as correntes de auga.
Cabe suliñar que nas construccións existentes na Galiza, non se atoparon galerías cubertas, tan abondosas en Cataluña ou dalgúns lugares de Andalucía, onde non se ve unha clara diferenciación entre a cámara e o corredor.
Na nosa terra, ao igual que noutras partes da costa atlántica europea téñense descrito dolmens de madeira, e ó parecer ata fai pouco conservavanse restos dun deles na localidade de As Pontes aínda que non no seu emprazamento orixinal. Se alguén tivese algunha documentación ó respecto, agradeceríamos moito se puxeran en contacto connosco; dos demais o único que coñecemos é a pegada arqueolóxica que aparecen nas cavacións. Os dolmens galegos presentan diferencias entre eles:
Dolmens Simples:
Nas escavacións desta clase de megalitos apareceron útiles nos que predominan as puntas de frecha, as follas de sílex, os microlitos, as contas de colares de variscita e algún pequeno resto de cerámica. Xorden arredor do ano 4.000 a.C.
Dolmens de corredor:
Aparecen nunha segunda etapa que vai dende o 3.500 ó 2.700 a.C. Son as formas mais fermosas do megalitismo na Galiza. Xeralmente teñen planta poligonal aínda que nalgúns casos teñen tendencia circular. Na Galiza consérvanse magníficos exemplos, coma o de Dombate. O corredor está en moitos casos cuberto e claramente diferenciado no alzado respecto da cámara megalítica, como sucede na Casa da Moura en Queguas (Ourense) ou a Casa dos Mouros en Vimianzo (A Coruña). Os útiles son semellantes os atopados nos dolmens da fase anterior, se ben os útiles de pedra pulimentada evolucionan cara a feituras mais complexas e son mais abondosos os restos da cerámica.
Cistas Megalíticas:
Representan o tempo mais tardío, a fase derradeira do megalitismo galego que vai do 2.700 ó 2.000 a.C. Soen ser de andar rectangular e ter só unha lousa de cuberta. Son fermosos exemplos desta clase de monumentos a Casota de Berdoias en Vimianzo (A Coruña) ou a Fornela dos Mouros en Laxe (A Coruña).
Dolmenes.jpg

Para todos aqueles namorados do megalitismo que queiran botar unha ollada a páxinas sobre este tema, aí vos van unha cantas que a min me pareceron de interese por unha cousa ou por outra, merecen unha visita de verdade, sobre todo se queredes ver boas fotos de pedras.
Relación de algúns camiños do reino español:
>www.pangalaica.com/megalitismo/index.htm
(Páxina que vos vai levar polas catro provincias galegas).
>www.aviladigital.com
(Un paseo polas terras de Avila).
>www.menorcadigital.com/monumentos_megaliticos.htm
(Nesta terra chamanse Taulas e Navetas e Talaiots).
>http://servicios.diariovasco.com/pg030603/prensa/noticias/altodeba(Información recente do acontecido nas pescudas megalíticas vascas).
>www.arrakis.es/~morenobl/burgos.htm
(Dolmens de Burgos).
>www.mayrena.com/Historia/Gandul.htm
(Paxina sobre o xacemento de Gandul-Andalucía).
>http://vacarizu.com/Cuadernos/Cuaderno_27
(Valdeolea – Cantabria).
>www.arrakis.es/~rinord/sp-dolmen.htm
(Boa páxina das Illas Baleares).
>www.pangalaica.com/megalitismo/enlaces.htm
(Subpáxina con uns cantos atallos).
>www.ddgi.es/plaestany
(Paxina catalá).
Outras poucas do estranxeiro:
>http://easyweb.easynet.co.uk
>www.megalith.ru/indexrus.shtml
>www.amherst.edu/~ermace/sthhtml
>www.serve.com/archaeology/ring/code.html
>www.henge.org.uk
>www.ot-carnac.fr
>www.stonepages.com
>www.megalithic.co.uk
>www.stonepages.de
>http://easyweb.easynet.co.uk/~aburnham/ring
>http://users.bart.nl/~jbmeijer/frntpage.htm
>www.culture.gouv.fr/culture/arcnat/megalithes
>www.megalitico.co.uk
>www.lessing4.de/megaliths/start.htm
>http://members.tripod.com/menhirs/welcome.html
>www.neara.org
>www.geocities.com/athens/aegean/4524/area.html
>www.ot-trinite-sur-mer.fr/trinit/doc/megalith/doc/megalit.htm
>http://myhome.shinbiro.com/~kbyon/dolmen
(Paxina nipona que non teño paxoleira idea de que vai, só sei que ten dolmens a boullón)
>http://atlante.clio.it
>www.bretagne.com
>www.celtiberia.net
>www.clio.it
>http://members.tripod.com/~estigia/reloj.html
>www.irishphotos.com/links.html
Se tedes gañas de ter uns cantos motivos celtas para ilustrar algo pasade por estes:
>www.aon.celtic.com/cgallery
>www.unc.edu/courses/art111/celtic
>www.celtic-art.net

Se por casualidade algunha delas xa non esta na rede, cousa que sucede a miúdo, deixádeme recado aquí debaixo e tentarei de poñer algunha outra que trate sobre do mesmo tema. ¡Se podo claro!
¡QUE VOS GUSTE E QUE A FORZA DA NATUREZA
ESTEA CONVOSCO!

También podría gustarte
Comentarios