III Xornada de confraternidade de veciños da parroquia da Vilavella
Este domingo celebrouse na Vilavella a terceira xuntanza de veciños desta antiga parroquia pontesa. Preto de trescentas persoas procedentes das desaparecidas aldeas afincadas hoxe na propia vila pontesa e nos concellos da comarca ferrolá, así como veciños dos lugares que aínda existen nesta parroquia reuníronse nunha animada xornada de confraternidade.
O reencontro de veciños, de amigos da infancia, de coñecidos, todos cuns anos máis ás costas, escenas de apertas e bicos fóronse sucedendo segundo ían chegando ó lugar, que non podía ser outro que o que escribiu a historia desta parroquia, onde sempre se celebrou a festa, a Vilavella, á carón da súa emblemática igrexa, á beira do río Eume. A xornada, que estivo acompañada dunha boa climatoloxía, comezou cunha misa e posterior procesión, seguida de música tradicional a cargo do grupo de gaitas Axóuxere de Roupar e xa polo serán remataría cunha verbena amenizada polo dúo Deno.
Foi moi eloxiada a exposición de fotos antigas de lugares e de escenas familiares de veciños da Vilavella, que con moito esmero e agarimo preparou unha nativa desta parroquia. Escenas de vodas, festas, primeiras comuñóns, mallas, segas e outras faenas do campo e, ¡como non!, competicións deportivas, con equipo de fútbol feminino incluído foron moi comentadas ó longo da mañá mentres se ía preparando o xantar composto de empanada, paella, churrasco, viño, sobremesa e café.
Atrás queda o recordo e a nostalxia de tempos pasados dunha parroquia que nos derradeiros trinta anos, debido á explotación mineira e á expansión da central, sufriu a fragmentación do seu territorio e a desaparición de máis de vinte aldeas, tales como Acivido, Almigonde, A Barosa, Carracedo, Cartilida, Casal da Boa, Casa Longa, Castro da Uz, Ferreira, O Meidelo, Os Mouros, O Outeiro, A Palloza, A Parrocha, A Picheira, A Ponte da Pedra, O Portorroibo, Ribeirón, O Vilar e A Vilavella, lugar que hoxe está deshabitado e do que só se conserva a igrexa, o cemiterio e varias casas restauradas sen uso ningún, que ben poderían albergar un museo etnográfico ou seren utilizadas para outros fins sociais.
A PARROQUIA DA VILAVELLA
A parroquia da Vilavella é de forma irregular, cun territorio estreito e alongado que vai dende a propia igrexa ata a aldea de Rámez situada ó norte. Linda ó norte co concello das Somozas, ó sur coa parroquia de Ribadeume, ó leste coa das Pontes e ó oeste coas de Espiñaredo e Goente. Ten uns 31 quilómetros cadrados nos que viven 203 habitantes, repartidos nos lugares de Alimpadoiros (8), O Bidueiro (6), A Carballeira (6), O Castelo (3), Cheiván (4), A Esfarrapa (9), Maciñeira (24), Penapurreira (5), Rámez (3), Reboredo (11), Saa (90) e Vila (34).
A mina, hoxe sen actividade e no futuro convertida en lago, e a escombreira ocupan gran parte do seu territorio, sendo o norte montañoso, destacando a Pena da Fonte Roiva (582 m) e o Monte da Cartilida (523 m). En canto ós ríos, os principais son o Eume, Ponte da Pedra (dende Veiga canalizado) e o de Maciñeira e os regos de Cheibán e da Esfarrapa.
Na Vilavella atopáronse vestixios dos primeiros asentamentos humanos, como un vaso campaniforme (6000 e 2800 a.C.) e un torques de ouro. Tamén existen mámoas, moitas delas desaparecidas, así como o castro con tres muros paralelos de protección que estaba no lugar do Castro da Uz.
A igrexa parroquial é do século XV, sendo a súa fachada do XVIII. No seu interior conserva un retablo (s. XVIII) e unhas imaxes talladas entre os séculos XV e XVII. En Saa, o lugar máis habitado da parroquia, construíuse en 1966 a capela da Nosa Señora do Pino e máis recentemente na aldea da Esfarrapa erixiuse a nova capela de San Cristovo, antigamente situada no Vilar e que fora construída no século XVIII pola familia Fresco, veciña de dito lugar. Estes dous lugares celebrarán as súas festas patronais o primeiro domingo de setembro na Esfarrapa e o segundo en Saa.
As súas festas celebrábanse de moi antigo a finais de agosto na honra a San Andrés, pois antigamente esta parroquia era coñecida como San Andrés do Bosque.
As Pontes, 23 de Agosto de 2009 (AF)