As Pontes recibe 12.000 euros para a contratación dun administrativo/guía para a Casa da Enerxía

[RTVEume] A Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo asumirán esta achega ao abeiro do programa de Adaptabilidade e Emprego. A Xunta de Galicia ven de facer pública a concesión ao Concello de As Pontes dunha axuda de 12.000 euros para a contratación, por seis meses e a xornada completa, dun administrativo / guía para a Casa da Enerxía.


Esta achega procede do plan de cooperación para a contratación, por parte de entidades locais, de traballadores desempregados para a realización de obras e/ou servizos de interese xeral e social e está xestionado pola Consellería de Traballo e Benestar.
O plan conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, no seu 80%, a través do programa operativo Adaptabilidade e Emprego mediante o que se busca a creación de novos postos de traballo.
O edil de Promoción Industrial, Óscar García, amosou a súa satisfacción ante esta achega que, tal e como aclarou, “non só suporá a creación dun novo posto de traballo, senón tamén un importante e necesario pulo para as instalacións da Casa da Enerxía e do Museo da Enerxía”. Neste senso, García adiantou a posibilidade de organizar, gracias a esta nova incorporación, visitas guiadas a estas instalacións, idea na que xa está a traballar o goberno local.
Co fin de escoller á persoa máis axeitada para este posto nos vindeiros días abrirase o prazo de presentación de solicitudes para optar a esta vacante, proceso que se levará a cabo a través dun concurso público.

También podría gustarte
Comentarios