Amigus
As Pontes

José Antonio Meizoso: «No futbolín hai que ter un don, non por practicar moito obtés resultados»

Subido a unha cadeira no bar da súa nai fixo os seus primeiros pinitos neste xogo, disciplina na que anos despois conseguiu once campionatos estatais

Ten o mundo nas súas mans. E nunca mellor dito. Dos últimos vinte anos, foi campión de España de futbolín en once ocasións, -exactamente-, nos anos 1996, 1997, 1998, 1999, 2003, 2006, 2008, 2011 (en dúas modalidades), 2012 e 2013. Ademais acadou un subcampionato mundial a finais da década dos 90. Aprendeu no bar que rexentou a súa nai durante décadas, na parroquia pontesa de Goente. Agora, José Antonio Meizoso colabora na organización da que será a segunda edición do Mundialito de Futbolín na modalidade de Parada que terá lugar no seu municipio natal o vindeiro 21 de maio.

«Todo comezou da man do ex-edil Eladio Bouza, el coñecía a miña traxectoria e plantexoume a posibilidade de organizar algo», recorda Meizoso quen destaca que, desde o principio, «todo foron facilidades, traballamos cóbado con cóbado co alcalde e, nesta edición, co responsable da área de Deporte e Xuventude, Chicho Tembrás». Unha organización cohesionada cuxa labor deu os seus froitos: «Viñeron 95 parellas, así que temos que falar dun éxito total. Superou todas as previsións, pero este ano as expectativas que temos son moito mellores. Esperamos bater un récord». Co prazo de inscrición aínda aberto -pecharase a semana previa á celebración do acto- desde a organización agardan recibir participantes procedentes de Cataluña, Andalucía ou Cantabria, entre outros. Entre todos se repartirán premios valorados en 7.500 euros o que fai de As Pontes o «campionato de modalidade de parada, a nivel nacional, que ten a maior dotación económica». Serán varios premios nun total de tres categorías cun «apartado especial para a representación local, que contará cunha oportunidade adicional. Á marxe do certame ordinario, terán unha competición propia». ¿A razón? «Queremos que a xente de aquí teña máis posibilidades nun certame que conta con xogadores dunha calidade tremenda». Ademais, Meizoso destaca o retorno económico dunha cita que «mobiliza a moita xente, os participantes quédanse aquí a durmir e ao final acaban consumindo e gastando no pobo».

Sen soltar os mandos

A súa é a vida dun rapaz que leva unha vida enteira agarrado aos mandos do futbolín. Aos catro anos , subido a unha cadeira, xa lle pegaba con gañas. «Daquela xogaba todo o mundo, aquí hasta facían cola para botar as partidas». Catro décadas despois os trofeos apíñanse nas paredes da súa casa. «O campionato de España do 97 gañámolo por unha bola e aínda a conservo, sempre será especial». Premios tamén en metálico, un ano antes, «o meu equipo -formado por catro participantes- gañou nunha tarde un millón das antigas pesetas. Ogallá fora sempre así», ironiza.

Sobre as cualidades que hai que ter, sinala que «moitas veces penso que hai que ter un don porque hai xente que practica moito e non acaba de acadar bos resultados. É moi importante ter a capacidade de aguantar a presión, sobre todo, nos grandes campionatos».

Meizoso presume dos seus dous pequenos -Xoel de sete anos e Vera de cinco- e disfruta observando como as novas xeracións, comezan a facer os seus primeiros pinitos co futbolín que aínda resiste, inamovible, na casa familiar. Polo de agora non ten claro se algún deles seguirá ou non os seus pasos porque «aínda son moi novos, Xoel xa lle pega ben, así que é posible que continúe a tradición. Nunca se sabe». De ser así, contará co mellor dos mestres.

¿Pensa en retirarse do futbolín? José Antonio Meizoso polo de agora non pensa na retirada, «non se me pasa pola cabeza. Gústame moito e teño grandes amigos neste mundo. Xente que, de non seguir en activo, non vería ao non asistir aos campionatos».

Fonte La Voz de Galicia

También podría gustarte
Comentarios