LOUSADA DE ABAIXO CELEBROU A PASCUA

Lousada de Abaixo, tamén coñecida Lousada O Pazo, pertencente á parroquia de Santo André de Lousada, no veciño concello de Xermade, celebrou esta pasada fin de semana a súa festa patronal na honra da Virxe das Dores, popularmente coñecida pola “Pascua”.
As dúas xornadas da festa, á que acudiron un bo número de veciños e outros nados nesta parroquia e que actualmente residen fóra, houbo misas, procesións e a música estivo a cargo das orquestras Alarma, que puxo a música na sesión vermú e na verbena do sábado, e Fin de Siglo, de Ourense, que amenizou as tradicionais pezas musicais logo da misa e procesión do domingo.
Lousada-Pascua-2011-1.jpg


A PARROQUIA DE LOUSADA (Santo André)
Segundo o nomenclátor da diocese e o da Xunta de Galicia, Lousada, cuxa advocación é Santo André, é oficialmente unha soa parroquia, aínda que na práctica funciona como dúas, Lousada de Arriba ou Lousada Chao e Lousada de Abaixo ou Lousada Pazo. A igrexa parroquial está no Chao, mentres que no Pazo atópase a capela do Santo Cristo do Fondal de Lousada (construída en 1968), que conta con cemiterio propio. Esta parroquia e a de Roupar pertencen ó arciprestado de As Pontes,
Conta cunha extensión de 31 quilómetros cadrados, nos que viven 183 habitantes (censo de 2010) repartidos en 31 aldeas e lugares espallados por toda a parroquia e cunha media de catro casas, sendo os máis habitados A Veiga (con 15 habitantes), O Corno (13), Campo da Feira e Vilachá (12), O Muíño Novo (11) e O Pazo e A Casavella (10).
As derradeiras montañas da Serra da Carba chegan a esta parroquia, sendo o linde occidental da Terra Chá. O cume máis elevado é a Pena Goía, onde hai unha área recreativa, con 876 metros de altitude, seguido do Pico do Castelo, de 703 metros. Numerosos regos nacen nesta parroquia para logo formar o río Trimaz, que atravesa case todo o concello e desemboca no Ladra, afluente do Miño.
Cerca do lugar do Muíño Novo ata hai pouco asentábase unha mina de ferro da que se extraía unha importante cantidade deste mineral, que era transportado ata o porto de Ferrol. Algúns historiadores pensan que en épocas castrexas estas minas xa eran explotadas.
Hai xacementos prehistóricos no lugar do Castro e medoñas no Carbueiro, Carballal, Carbuíl e A Pena do Castelo. Tamén atopáronse nesta parroquia vasos campaniformes e anacos de cerámica. Hai unha ducia de cruceiros, sendo os máis importantes os de Besura, Campo da Feira, A Casavella, O Corno e a Cruz de Carba.
As súas festas patronais son o Santo André e o San Xoán, que se celebra no mes de xuño en Lousada de Arriba, e a Virxe das Dores festexada na derradeira semana de abril en Lousada de Abaixo.
LOUSADA NO SÉCULO XIX
Coa creación dos primeiros concellos hai datos da parroquia de Lousada que formaba parte da xurisdición de Vilalba, logo en 1835 tódalas parroquias dependen do concello de Vilalba. O municipio de Xermade aparece por primeira vez no ano 1840. Nesta época contaba con 586 veciños e 2.931 habitantes repartidos nas actuais dez parroquias.
Nesa mesma data Lousada tiña 80 casas, 92 veciños e 464 habitantes espallados en trinta aldeas e lugares. A igrexa parroquial era única, con curato de entrada e padroado lego. Había unha escola sen dotación económica, á que asistían 25 nenos e catro nenas. O seu territorio estaba comunicado por dous camiños de ferradura en mal estado, un de Oeste a Leste e outro de Norte a Sur. Os habitantes vivían da agricultura (centeo, patacas, trigo, maínzo), gandería (gando vacún, cabalar, porcino) e caza de lebres e perdices. Había algúns muíños fariñeiros.
Lousada (Xermade), 1 de Maio de 2011 (AF)
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg
Lousada-Pascua-2011-1.jpg

También podría gustarte
Comentarios