Mañá remata o prazo para inscribirse no Roteiro Cultural Camiño dos Arrieiros
O vindeiro sábado día 12 celebrarase a segunda etapa do Roteiro Cultural Camiño dos Arrieiros, que vai xa pola súa terceira edición. A actividade, organizada pola Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes e a Liga Céltiga Galaica, pretende dar a coñecer esta vía empregada desde a Prehistoria, que transcorre entre as localidades de As Pontes e Bares (Mañón) seguindo os altos das serras Faladoira e Coriscada.
O camiño recibe o nome dos denominados “arrieiros” que carrexaban todo tipo de mercadorías por el, ao lombo de mulas e cabalos. Este camiño histórico foi estudado polo arqueólogo ortigueirés Federico Maciñeira, quen a finais do século XIX púxoo en relación coas máis de 80 mámoas, preto dunha ducia de cruces de pedra e varias pedrafitas, que o flanquean e delimitan.
O inicio desta segunda etapa realizarase desde o Cristo de Mouraz ata o Porto de Bares. Haberá servizo de bus desde As Pontes, que sairá do Museo Etnográfico Monte Caxado ás 9:30 h. ata Mouraz. O regreso está previsto en torno ás oito do serán.
As persoas que desexen participar no roteiro, teñen de prazo ata o venres para formular a súa inscrición na propia páxina da Asociación Informatica Amigus, entidade que xunto ao Concello das Pontes colabora na organización do roteiro cultural.