Mancomún achegará 55.000 euros aos GGUL para a promoción do Software Libre

[mancomun.org] A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Helena Veiguela, asinou esta mañá, en calidade de apoderada da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, un convenio de colaboración cos representantes dos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) para a realización de actuacións que contribúan ao desenvolvemento e a difusión das tecnoloxías de código aberto no noso país.
ggul_gr.jpg


Esta iniciativa, promovida dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza- Mancomún, disporá dun orzamento total de 55.000 euros, achegados a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, os cales serán distribuídos en partidas de 5.000 euros para cada unha das asociacións.
Segundo explicou a directora xeral -que estivo acompañado no acto polo coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M. Benítez Baleato, e máis polo xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Lois Villasante -. este convenio reafirma a aposta decidida do goberno galego pola difusión do Software Libre, e animou aos membros dos GGUL a “seguir apostando polo modelo cooperativo de desenvolvemento de software ”.
O convenio incentivará, así, a organización de eventos de carácter divulgativo entre os GGUL, así como a elaboración de material de interese para a toda a comunidade (CD, publicacións…), co fin de acadar unha maior implantación das tecnoloxías e os estándares abertos entre a sociedade galega. Estes obxectivos enmárcanse dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) que define as políticas para que Galiza se introduza plenamente na sociedade da información, seguindo os criterios de accesibilidade e interoperabilidade administrativa.
A sinatura do presente documento renova o acordo subscrito xa no ano 2006 entre Mancomún e os GGUL, para o anterior bienio 2006-2007, en virtude do cal se organizaron preto de medio centenar de eventos, ademais de permitir aos membros destas asociacións participar en congresos para a difusión da labor que dende Galiza se está a realizar neste eido.
As novas propostas serán plasmadas nun plan de actuacións, que presentará cada grupo nun prazo de 60 días e que, tras ser consensuado co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, se materializará en novas accións para o 2008 ou ben servirán para sufragar aquelas xa levadas a cabo no que vai de ano. Asemade, tamén se fixará o marco de coordinación e colaboración co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza mediante a creación dunha comisión de seguimento das actividades desenvolvidas.
O acordo foi subscrito por un total de once GGUL (dous máis que na anterior edición): a Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela (AULUSC), a Asociación de Usuarios GNIX (AGNIX), a Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Ourense (GULO), a Asociación Universitaria Grupo de Programadores y Usuarios de Linux (GPUL), a Asociación Cultural Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPON), a Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Galicia (GLUG), o Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía (GALITE), a Asociación Cultural Ourensana de Software Libre (OUSLI), a Asociación de Usuarios de Linux “Inestable.org”, a Asociación Informática Amigus e a Asociación Cultural de Usuarios de Software Libre de Lugo (LUCUX).

También podría gustarte
Comentarios