Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente: «Esa autovía non debía pasar por esa zona. Non debía, pero pasou»

conselleiro.jpgQue diagnóstico fai da ría de Ferrol como conselleiro de Medio Ambiente? Que tratamento lle están aplicando?
Como todas as rías, a de Ferrol ten unha carga contaminante brutal, de décadas de abandono. En tres anos, desde a chegada deste goberno, ademais de rematar a depuradora de Cabo Prioriño, licitamos e adxudicamos por importe de 87 millóns de euros toda a marxe esquerda. A ría de Ferrol, cando se remate cabo Prioriño e a depuradora de Ares, vai quedar saneada, sen contaminación de residuais. Sería demagoxia dicir que o podemos facer antes. Non podemos porque vai requerir dous anos desde que empecen as obras, en marzo. Esto podía estar feito se nos últimos dezaseis anos se tivesen gastado os fondos europeos como Deus manda. Pero alguén decidiu non sanear este país. Agora estámolo facendo a marchas forzadas.
Prevén reforzar a protección das Fragas do Eume? Veranse afectadas polo lago artificial que se vaia crear na mina das Pontes?
O lago artificial é unha decisión moi pensada. Por definición, un nunca debería alterar ecosistemas naturais. Pero unha vez que se altera temos que buscar a maneira de restaurar o espazo. A nosa xente foi a Alemaña (a coñecer proxectos semellantes en minas). Todo o mundo dicía que a acidificación se solventaba con arxila e recubriuse con ela. Todos os datos que imos tendo do recheo do lago din que vai todo perfectamente.
Eso por unha parte. Por outra, hai unha acidez crónica en toda a zona do Eume. É sabido que é un mosaico xeolóxico con presenza de piritas. De maneira natural o río atravesa zonas propias, pero calquera variación artificial que pon zonas de piritas en contacto co aire e coa chuvia, automáticamente produce unha grande acidificación.


Foi eso o que pasou na morte de reos no verán?
Eso foi o que pasou.
Fallou algún control previo nas obras da autovía Ferrol-As Pontes-Vilalba?
Fallou que se sancionou catro veces a unha empresa e aínda así e todo seguiu. Pero que quere decir control previo? Pois imaxine que eu lle dou permiso para que pare o río Miño cun caldeiro. Aínda que teña permiso, vostede non é quen de parar o Miño cun caldeiro. Darlle permiso á UTE Cabreiros para que faga a autovía, pero que saia a auga cun pH correcto, é imposible. Esa autovía non debía pasar por esa zona. Non debía, pero pasou. E empezou tendo uns niveis de pH aceptables pero cando as chuvias chegan e lavan aquelo, foron ao río Chamoselo e veu o problema.
A solución definitiva é imposible?
É artificial e custosísima. Por certo, como xa viñamos facendo co embalse que sempre se estaba alcalinizando a auga cunha barcaza. Nós gastamos aí uns 5 millóns de euros para empezar. Pero quen vai manter a acidez do Eume en niveis normais? Alguén terá que facelo. Como? Pois levando toda a auga desas escorrentías a unha balsa, botándolle cal e soltándoa ao río. O problema técnicamente vaise solucionar, pero soluciónase nunha sociedade de confort como a nosa, que non nos treme a man cando hai que meter aí 5 millóns de euros.
Como definiría o estado dos cauces dos ríos? É suficiente o principio de “quen contamina, paga”?
A nosa lei di que quen contamina, paga unha multa e restitúe o dano feito. Estase cumprindo desde hai dous meses, cando entrou en vigor a lei de responsabilidade ambiental. Os nosos ríos sofren unha desordenación do territorio histórica. Por exemplo, arde Brentag, unha fábrica química de moi complexos produtos colocada a un metro dun río que abastece a 120.000 persoas. Un país civilizado non pode facer eso. Agora temos a xente traballando que vixía todos os cauces. En un horizonte non moi lonxano vai haber un gran control de vertidos. Primeiro porque o cidadán maioritariamente cumpre, e o que non cumpre sabe que á parte dunha sanción ten que pagar o dano, e segundo porque estámonos orientando tecnolóxicamente para diminuir os riscos. Creo que pasou a época negra dos ríos en Galicia. A diferencia é que houbo un goberno que viviu de costas aos ríos e agora hai un goberno que sabe que os ríos son a clave do futuro do noso país. Recórdolle que cando chegamos o primeiro que fixemos foi parar 60 minicentrais, que se estaban cargando toda Galicia. Agora imos ver se paramos as da Confederación. Esto enmárcase nunha batalla política para frear o gran deterioro dos ríos e conseguir que a Galicia dos mil ríos sexa a dos mil ríos saneados, non a dos contaminados, que era o que estaba pasando.
Redacción: M.P.L./J.A.S.
El entorno metropolitano, ano X, n. 3, outubro de 2008
Ed. Comarca de Ferrol

También podría gustarte
Comentarios